Novidades en material de saúde laboral: novo curso de PRL obrigatorio, gas radón e licenza por risco no embarazo

Haberá un novo curso obrigatorio para o funcionariado en prácticas sobre PRL, os centros poderán solicitar a medición de gas radón que se fará a partir de febreiro e as mulleres embarazadas a licenza por risco no embarazo estando de baixa.

Aínda que lentamente, a Consellaría vai tomando en serio a prevención de riscos laborais e as demandas do persoal docente en materia de saúde laboral. Na reunión de onte do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde laboral, ademais de informar que hoxe comeza a campaña de vixilancia da saúde (un dereito gañado na CIG-Ensino nos tribunais dado que o persoal docente quedaba á marxe del) déronse conta doutras novidades que son de interese para o profesorado.

As citas para os recoñecementos médicos están dispoñíbeis na aplicación desde hoxe e, coma sempre, haberá diversos prazos para solicitalas dependendo do colectivo ao que se pertenza. A Consellaría informou de que lle van remitir a información ás direccións dos centros para que, á súa vez, lla fagan chegar ao persoal docente e non docente e que deberá lembrárselle ao persoal substituto que pasa polos centros ao longo do curso que ten este dereito para que o soliciten en canto teñan contrato. Este ano prevén que os recoñecementos médicos se sitúen en arredor dos 10.700, abranguendo a preto dun terzo do total do profesorado. A CIG-Ensino solicitou que se lle envíe esta información nominalmente a todo o persoal traballador dos centros educativos e a Consellaría comprometeuse a estudalo porque nestes momentos tería dificultades para facelo co persoal non docente. É importante lembrar que hai probas específicas (revisións xinecolóxicas) que é preciso solicitar expresamente, así como que se debe esixir á mutua que realiza os recoñecementos médicos que toda a documentación se envíe en galego.

Por outra banda deuse conta do número de accidentes laborais rexistrados, maioritariamente in itinere e que aínda sendo leves derivan en Incapacidades Temporais de longa duración. A CIG-Ensino lembrou a problemática das listas de agarda na sanidade pública e relacionouna con esta situación, dado que por exemplo a rehabilitación posterior a un traumatismo por un accidente de tráfico pode demorarse meses.

A CIG-Ensino solicitou que se actualice a páxina da Consellería sobre Riscos Laborais e que se colgue nela toda a documentación que se precise cando ocorra un accidente laboral, tanto para as dirección como para as traballadoras implicadas.

Sobre a avaliación de riscos nos centros educativos comentaron que xa se realizara en todos e que agora cada ano se repetirá en arredor dun cento dependendo do tempo que pasara desde a primeira, a realización de obras recentes, os de nova creación... Se hai peticións expresas dalgún centro para que se repita esta avaliación a CIG-Ensino elevará a solicitude neste comité. 

Novidades salientábeis

En canto a información novidosa informouse de que a partir do curso que vén haberá unha formación obrigatoria para todo o funcionariado en prácticas en materia de PRL e que así se recollerá na convocatoria de oposicións, xunto cos cursos de igualdade e de galego. Esta formación tamén é obrigatoria para as persoas substitutas que comezan a traballar e lémbrase que poden rematar o curso aínda que xa rematen o contrato.

Por outra banda, respondendo a unha demanda que presentara a CIG-Ensino en varias ocasións a partir de agora as mulleres embarazadas poderán solicitar a avaliación de riscos derivada do embarazo estando de baixa médica, unha limitación que supuña ata agora que non puideran acceder á licenza por risco no embarazo ou mesmo a unha adaptación do posto de traballo, de ser posíbel.

Con respecto á incidencia do gas radón nos centros de ensino, os responsábeis da administración comentaron que se vai asinar un convenio coa USC para levar a cabo as medicións de forma oficial e rigorosa para levalas a cabo de febreiro a maio por cuestións de condicións térmicas. Á nosa pregunta sobre o criterio para seleccionar os centros indícannos que será pola zona de incidencia de gas radón. Dado que a CIG-Ensino ten detectado que esta problemática afecta con maior intensidade nalgúns centros solicitamos que se inclúan ao comezo destas medicións. A Consellaría acepta polo que é importante que se nos comunique vía telefónica, por correo electrónico ou nas visitas que realizamos aos centros.

E, por último, a CIG-Ensino tamén plantexou a necesidade de que se tomen medidas para mitigar as altas temperaturas nas aulas que este mesmo mes nalgún caso superaron os 30 graos e que tamén se teñan en conta as condicións climatolóxicas de cara á elección dos centros onde se realizan as oposicións. Os responsábeis da administración instaron ás direccións dos centros a adoptar medidas puntuais como o cambio de aula ou o uso de ventiladores e, no caso de que sexa preciso que se soliciten medidas de climatización que se poderían estudar nos comités provinciais. Neste sentido, a CIG-Ensino solicitou que se constitúa o Comité provincial de Pontevedra e que comece a funcionar o de Lugo, dado que  a Consellaría só os convoca cando llo require a Inspección de Traballo.

Volver