Novas mobilizacións e folga no sector da educación infantil para decembro

Hai máis dun ano e medio que as persoas traballadoras das escolas infantís, de 0 a 3 anos, reclaman avances nas negociacións do XIII Convenio, estancadas polo inmobilismo e involucionismo das patronais

As organizacións sindicais (CIG-Ensino, CCOO, UGT e SNEP) chaman á participación nas accións propostas desde o día 13 nas principais cidades galegas, co obxectivo de desbloquear as negociacións e mellorar as condicións laborais e salariais

CIG-Ensino, CCOO, UGT Servizos Públicos,  e SNEP Galicia convocarán novas mobilizacións no sector da educación infantil tralo fracaso da última reunión o 24 de novembro, no marco da negociación do XIII Convenio Colectivo. Nas xa doce reunións da mesa negociadora, as patronais non mostraron vontade de chegar a ningún acordo que permita ás traballadoras recuperar o poder adquisitivo perdido e obter uns salarios dignos e xustos, acordes coa responsabilidade do seu labor educativo e social coas crianzas.

Así, as OOSS, en representación do persoal traballador de infantil de 0 a 3 anos, organizarán varias manifestacións e concentracións no mes de decembro nas grandes cidades de Galiza. A primeira das mobilizacións arrincará o mércores 13 en Vigo, Santiago e A Coruña. Tamén se convocará xornada de folga o martes 19 de decembro. Os sindicatos convocantes continúan manifestando deste xeito o malestar coa marcha das negociacións, que se iniciaron hai máis dun ano e medio, nas que as patronais non souberon estar á altura das necesidades do sector.

Cartaz para descargar e imprimir

As reivindicacións continúan na liña dos últimos meses: denunciar o inmobilismo nas negociacións do XIII Convenio Colectivo de centros de educación infantil, estancado desde hai máis dun ano e medio, e defender os dereitos laborais, sociais e salariais das traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta.

A actitude das organizacións patronais pon de manifesto a falta de vontade negociadora co ánimo de atrasar e evitar afrontar a necesaria actualización dos salarios, que actualmente se atopan por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), impedindo así que as traballadoras poidan recuperar o poder adquisitivo perdido. Ademais, negan a necesidade de incrementar o diferencial salarial para as educadoras infantís e tamén se opoñen á aprobación dunhas táboas salariais equilibradas, dignas e xustas para todo o sector.

As patronais causaron un grave prexuízo ás traballadoras do sector da xestión indirecta ao impedir o asinamento dunhas táboas salariais vinculadas aos pregos de condicións dos últimos concursos públicos. Esta negativa priva ás traballadoras dunha remuneración xusta e acorde coas súas responsabilidades laborais.

Desde o inicio das negociacións no 2022, as propostas salariais e as condicións laborais en cada nova reunión foron diminuíndo, ata hoxe. Por exemplo, hai xusto un ano, negociábase coa patronal da xestión indirecta unha proposta súa, xa insuficiente daquela, nas seguintes cantidades a cobrar en 2026: 1.660 € para a categoría de mestre/a, 1.360€ para as educadoras e 1.245 € para o resto das categorías. Se se compara coas táboas propostas actualmente, para a categoría de mestre/a a cantidade baixa a 1.611,10 €, na categoría de educador/a o salario descende a 1.236,43 € e para o resto de categorías preténdese negociar a 1.166,40, lonxe da cantidade inicial. Polo tanto, os recortes salariais respecto ás propostas que se negociaban hai un ano son evidentes, sen mencionar outros retrocesos nas condicións laborais das persoas traballadoras, coma, por exemplo, no caso da incapacidade temporal, entre outras involucións propostas.

O día 1 de decembro está prevista unha nova convocatoria da mesa de negociación, que será a número trece. Cantas reunións serán precisas para que a patronal escoite? As OOSS, en nome das persoas traballadoras das escolas de educación infantil, exiximos, con urxencia, un cambio de rumbo que garanta o futuro do sector e valore e recoñeza o labor socioeducativo que realizan as traballadoras.

Calendarización das mobilizacións no mes de decembro:
  • Manifestación en Vigo e concentración en Santiago ás 19h e manifestación en Coruña ás 18:30 horas, o  mércores 13
  • Manifestación nacional en Santiago o sábado 16, ás 11:30 horas.
  • Xornada de folga o martes 19 con manifestacións ás 11:30 horas en Vigo e A Coruña.
  • Concentracións con cartaces e faixas nos centros de educación infantil os días 11 e 18, subindo fotos e movelas nas redes sociais coas etiquetas: #DesbloqueoXa e  #ConvenioInfantilDigno.

Volver