Novas mobilizacións contra os recortes no ensino público

A CIG Ensino mobilízase na defensa dun ensino público e de calidade

O día 30 de novembro as organizacións sindicais valoramos a importancia de continuar coas mobilizacións en defensa do ensino público. Esiximos a retirada da orde de 23 de xuño de 2011 pola que se modificaron os nosos horarios e se nos impuxeron novas funcións, como a vixilancia do alumnado transportado, sen negociación e acompañando esta imposición de toda clase de ataques ás e aos docentes. A imposición desta orde tivo como consecuencia que se iniciara o curso con máis de 1000 docentes menos. Esta situación impede a realización de diversas funcións importantes a nivel pedagóxico nos centros, conleva o deterioro da atención á diversidade e a obriga a realizar novas funcións. Estes recortes previsibelmente se verán incrementados cos orzamentos de 2012, recortes que afectan sempre ao ensino público.

Considerando a carga de traballo que ten nos centros docentes o profesorado durante este mes de decembro acordamos levas a cabo as seguintes medidas:

  • Realizar unha roda de prensa o luns día 12 de decembro para trasladar aos medios de comunicación os acordos acadados e as mobilizacións propostas.
  • Seguir mantendo en lugar visíbel pancartas reivindicativas.
  • Aprobar nas Xuntas de Persoal unha proposta de resolución esixindo a retirada da orde.
  • Realizar concentracións en todos os centros educativos o día 15 de decembro.
  • Outras medidas.

Consideramos necesario manter a tensión reivindicativa e seguir reclamando a retirada dunha orde tan prexudicial para o ensino, e por iso acordamos este calendario de mobilizacións.

Para as concentracións propostas para o día 15, estaría ben realizar pancartas reivindicativas que estivesen en lugar visíbel nos centros, se aínda non as tedes. As concentración realizaranse no momento que cada centro entenda máis oportuno, no recreo, 10 minutos antes do inicio da xornada... Entendemos que sería oportuno tamén convidar ás anpas dos centros a que se unan á concentración se o desexan, por iso propoñemos que se faga, de ser posíbel, ao inicio da xornada escolar. Desde as organizacións sindicais farémoslles chegar, as distintas federacións de anpas, esta proposta.

As organizacións sindicais seguiremos reclamando directamente do Conselleiro de Educación a retirada da orde de 23 de xuño e que se poña fin á política de recortes no ensino público.

Volver