Novas instrucións da Consellaría, novos recortes na atención á diversidade e o subdirector xeral da Inspección Educativa no medio

O sindicato alerta da imposibilidade de fiscalizar as decisións políticas da Consellaría e dunha sobrecarga burocrática para os centros

As instrucións publicadas no día de onte, 26 de xuño, sen previo contraste nin negociación coa representación legal do profesorado, inciden na liña que ultimamente caracteriza a administración educativa galega: bunkerización dos cargos políticos, unilateralidade na toma de decisións e imposición de controis de carácter político sobre as necesidades de persoal especialista de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe nos centros.

As instrucións, que regulan un novo sistema para a dotación “con carácter excepcional" de especialistas para atender a diversidade nos centros públicos, adoecen de importantes eivas, limitan o control sindical e seguen sen dar resposta á necesidade de incremento dos cadros de persoal para mellorar a inclusión e a atención do alumnado máis vulnerábel, unha das principais demandas sociais no eido educativo.

Control político, falta de transparencia, aforro de persoal e alumnado desantendido

- O novo sistema de tramitación e control das peticións dos centros supón, na práctica, eliminar o concurso específico de prazas de atención preferente. Con este sistema que xa se non se convocou este curso, sempre cualificado como “parche” pola CIG-Ensino, existía un mínimo control sindical e por parte dos centros, ao se coñeceren con antelación as prazas a ofertar. Nalgunhas convocatorias de cursos anteriores foron tidas en conta numerosas solicitudes propostas polo sindicato a instancias dos centros educativos. Agora elimínase esa posibilidade.

- A comisión que decidirá se se conceden máis especialistas de PT e AL, autodenominada como “técnica” no documento, é claramente de carácter político, ao estar composta por tres altos cargos de libre designación. Por riba, o departamento responsábel de dar carácter definitivo á proposta xa está representado no propio “trío comisionado”, ao ser a Subdirección Xeral de Recursos Humanos a que leva o día a día da xestión do persoal docente. Queda, por tanto, totalmente limitada a toma de decisións.

- Un dos tres integrantes da comisión é precisamente o actual subdirector xeral de Inspección e Avaliación do sistema educativo, Enrique Prado Cueva, no albo da polémica tras pedir a CIG-Ensino o seu cese por unha serie de escritos nos que, entre outras “lindezas” denigra o profesorado, cualificándoo como "clase ociosa que só espertará se ve perigar o seu posto de traballo e os seus privilexios” e que considera a inclusión educativa como unha “presión curricular” que “debería ser analizada con moito coidado”, evitando “os principios inoperantes do progresismo”. A xuízo da CIG-Ensino “apoiar a esta persoa como fixo o goberno galego é impropio dun goberno democrático. Colocalo nunha comisión destas características é poñer o raposo a coidar das galiñas”.

- Non se recolle un mínimo de transparencia nas decisións que se toman nin se articulan mecanismos de control sobre as resolucións que se adoptan, relegando por completo a estrutura da orientación educativa, tanto a dos centros educativos como a dos equipos específicos. Mesmo se deixa nun lugar secundario ás inspectoras e inspectores, de quen só se afirma que se lles poderá solicitar información adicional.

- Increméntase a burocracia para as direccións e para os departamentos de orientación (nos centros nos que os haxa), xa que realizarán unha parte do traballo que até o de agora levaba cada inspección provincial. Unha medida como esta reforza as afirmacións constantes do profesorado e das denuncias da CIG de que non só se reduciu a burocracia senón que se vai a galope desbocado no seu incremento. Nin se dotan de máis recursos ás direccións nin se se crean departamentos de orientación en todos os centros nin se cumpre coa recomendación de non superar unha ratio de 250 alumnos para os profesionais da orientación educativa.

- A dotación “extraordinaria” limítase ao alumnado con necesidades educativas especiais. Nada se di do alumnado con necesidades educativas de apoio específico, que engloba outros perfís (altas capacidades, alumnado migrante recén chegado...) e ao que en moitas ocasións non se dá atendido polo insuficiente número de docentes especialistas de AL e PT. De novo, como no texto do acordo sindical da vergoña, case todo se centra (mal e arrastro) no alumnado con discapacidade oficial ou con trastornos graves de conduta sen que se garanta o incremento de persoal para outras necesidades.

A proposta da CIG-Ensino

En resposta a esta nova imposición e mecanismo de recorte de docentes, o sindicato nacionalista exixe que se articule un sistema que dote de control e transparencia a este proceso carente de ambas e que inclúa:

- A publicación dunha listaxe con todas as prazas que se prevé autorizar extraordinariamente” para o curso escolar, dando un prazo para que os centros poidan alegar o que consideren. 

- A negociación desas prazas, como vacantes provisionais que son, nas xuntas de persoal, identificándoas e diferenciándoas do resto (xubilacións, liberacións por outros cargos ou responsabilidades etc…)

- A dotación de máis especialistas de PT e AL fixos en todos os centros. Neste sentido a CIG-Ensino lembra que o acordo de 8 de xuño de 2007, asinado pola CIG-Ensino e outros sindicatos, que supuxo un incremento fundamental de docentes nas escolas de infantil e primaria e que está plenamente vixente, recolle que “naqueles centros ordinarios que integren alumnado con necesidade educativa específica poderanse incrementar os catálogos en función do número e tipo de necesidades, especialmente de PT e AL”. Isto só se levou a efecto no ano 2018 cando, logo dun estudo realizado pola CIG-Ensino, desvelando as enormes carencias de persoal de PT e AL nos centros, conseguiuse un incremento de novas prazas fixas nos centros. O camiño para mellorar a atención á diversidade pasa precisamente por dotar os centros con máis profesionais de PT e AL e de orientación con carácter fixo, evitando os “parches” temporais aos que nos ten acostumado esta administración.

 

Volver