Novas instrucións provisionais da Consellaría

Para estas instrucións non era necesaria a espera

As instrucións que vén de colgar a Consellaría no seu portal web veñen precedidas dunha introdución que parece máis propia dun gabinete de prensa partidario que dun documento comunicativo dirixido ao conxunto do profesorado.

Atopámonos ante un texto que é unha mestura dun comunicado de prensa para dar resposta a outra administración e unhas instrucións, cando estas últimas son o que realmente estaba a esperar o profesorado, non unha diatriba sobre que administración o está a facer peor. Correspóndelle ao goberno galego ditar unhas instrucións claras para a comunidade educativa galega e para iso non precisa a nosa conselleira unha orde da ministra para saber o que ten que facer, especialmente cando xa ficou claro que papel se reserva o Ministerio despois da reunión do día 15. 

Por iso desde a CIG-Ensino non podemos aceptar que a administración galega se escude no retraso da administración do Estado Español para non dar instrucións claras ao profesorado galego, cando moito do dito nestas instrucións, nomeadamente todo o referente ao apoio aos centros educativos, podía terse ditado o día 13 de marzo. É certo que ambas administracións están chegando tarde e de forma descoordinada, mais non é menos certo que as instrucións á comunidade educativa galega teñen que partir da Consellaría e non as están dando en tempo e forma.

Mentres se agarda pola publicación no BOE da orde marco ministerial no que fixe, segundo a información proporcionada polo MEFP, un marco flexíbel sobre a promoción e titulación que despois debe desenvolver o goberno galego, o profesorado está a traballar, suplindo o baleiro de normas e indicacións como mellor pode e entende, atopándose agora cunhas instrucións nas que ten un papel destacado a burocracia, o menos necesario neste momento.

No texto incídese en centrar unha serie de responsabilidades nos centros educativos cando en boa medida hai unha ausencia de iniciativas no mesmo sentido por parte da Xunta como máxima responsábel.

Así, indícase que os centros teñen que facer “un especial esforzo para identificar ao alumnado que carece de medios de conexión dixital e, en virtude da súa autonomía organizativa e de xestión, arbitrar as medidas necesarias e facilitar o uso de distintos tipos de dispositivos adecuados para a atención educativa a este alumnado”. Os centros educativos xa están moi maioritariamente facendo ese labor mais botan de menos un maior e “especial esforzo” por parte do goberno galego para adoptar medidas que realmente poñan a disposición do noso alumnado todos ou boa parte dos materiais, dispositivos ou recursos que precisan para a reconexión co seu profesorado e compañeiros. Ou pensa o presidente da Xunta que con tres ordenadores por centro soluciona o problema? Tres ordenadores que, como sabemos, foron repartidos sen máis criterio que levar o mesmo número deles aos centros de secundaria independentemente do número de alumnas e alumnos que teña o centro. Tres ordenadores, con ou sen conexión ás redes, xa que nin cobertura temos en moitos lugares do noso país, non cobren a responsabilidade do goberno galego de tentar paliar a fenda dixital do noso alumnado.

Afírmase no “comunicado a modo de instrucións” que os centros desenvolverán formación e ferramentas adecuadas para permitir que o alumnado obteña o maior proveito da metodoloxía non presencial”. Parece obvio que ese cometido, tal e como está expresado, a quen lle corresponde é a administración educativa a non ser que lle pareza que o profesorado non está xa o suficientemente sobrecargado de traballo, cando pode acceder á teledocencia, como para asumir máis funcións. Unha sobrecarga que se ve incrementada en moitos departamentos e niveis educativos coa carga adicional de traballo pola negativa da Consellaría a substituír as baixas. Hai casos nos que profesado de ciclos formativos de FP ou de Bacharelato ten que facerse cargo dun ou mais dun cursos a maiores dos que ten. Aí é onde o profesorado bota de menos un “especial esforzo” da Xunta.

CIG
Desde a CIG Ensino volvemos instar á Consellaría a esquecer loitas políticas, cálculos electoralistas e que convoque á representación do profesorado para falar deste final de curso e desconvocar as oposicións docentes, decisión da que a día de hoxe segue pendente todo o persoal que opta a un posto de traballo docente.

Ligazón ás instrucións do 17 de abril

Volver