Nova xornada de protesta na Escola de Música da Coruña en demanda da xestión directa

Nesta ocasión, a protesta desenvolveuse diante da propia da escola (situada na rúa da Torre, 67) tras o remate do horario lectivo

As traballadoras e os traballadores da Escola Municipal de Música da Coruña continuaron na tarde deste martes, co calendario de mobilizacións para reclamar a xestión directa, que se dote ao centro dos orzamentos necesarios e que se cumpra co estabelecido no convenio colectivo. Nesta ocasión, a protesta desenvolveuse diante da propia da escola (situada na rúa da Torre, 67) tras o remate do horario lectivo.

Para o 7 de novembro, o persoal ten convocada outra protesta en María Pita, ás 09:45h, coincidindo coa celebración do pleno municipal ao que, en teoría, se levará o modificativo de crédito para a EMM  e subsanar as necesidades e débedas co persoal traballador.

Esta cantidade para o pago dos atrasos salariais que irá a pleno a próxima semana está pendente de contar cos votos necesarios e o resto de compromisos trasladados na última reunión coa concellalía de Cultura tamén están supeditados a que se aproben os orzamentos municipais para 2025.

Diante desta incerteza, o persoal acordou continuar co calendario de mobilizacións e, de non producirse avances concretos tanto no abono dos atrasos como nos arranxos prioritarios que precisa a escola, non descartan iniciar paros laborais.

 

Volver