Nova sentenza do TSXG que recoñece o cómputo dos servizos prestados nas vacacións non gozadas do persoal docente substituto

O profesorado que foi substituto con tempo de vacacións non gozadas segue obrigado a recorrer á xustiza fronte aos incumprimentos da Consellaría

Os servizos xurídicos da CIG-Ensino veñen de gañar novamente no TSXG unha sentenza que obriga a Consellaría de Educación a computar como tempo traballado os períodos de vacacións non gozadas do persoal interino con contratos de substitución. Neste caso, a sentenza recoñécelle a unha docente o dereito a que se lle contabilicen nos servizos prestados 20 días de vacacións polos diferentes contratos que tivo durante o curso 1989/90.

As vacacións do persoal interino con contratos de substitución comezaron a abonarse logo dunha intensa campaña xudicial que levou a centos de docentes a presentar demandas promovidas pola CIG-Ensino no curso 2000/01. Finalmente e despois de gañarmos a batalla xudicial no TSXG, a Xunta estendeu ese dereito en outubro de 2001 a todo o profesorado substituto, que desde aquela cobra a parte proporcional das vacacións (dous días e medio por mes traballado no curso escolar). 

Sen embargo, a Consellaría non contabilizou nas follas de servizo aqueles períodos de vacacións non gozados e obrigou o profesorado a presentar demandas para ese cómputo. Este recoñecemento supón contabilizar ese tempo a todos os efectos: puntuación no concurso de traslados, nas oposicións se aínda se é interino, para promoción interna no caso de funcionariado de carreira, no cobro de trienios e sexenios e, por suposto, nos servizos a efectos de xubilación. 

A CIG-Ensino esixe o recoñecemento para todo o profesorado 

A Consellaría incumpre novamente o seu propio compromiso acadado na Mesa Sectorial do 9 de maio de 2017. Naquela reunión comprometérase a ter contabilizados os servizos prestados a todas as persoas que tivesen cesado a partir do 12/10/2001 (data na que se lle recoñeceu este dereito a todo o persoal substituto despois da campaña xudicial da CIG-Ensino), remitíndolle a comunicación correspondente a todo o persoal afectado no mes de novembro de 2017. Diante do incumprimento da Consellaría a CIG-Ensino denunciou que a Administración non fixera efectivo o acordado na data indicada, solicitando que se fixese canto antes e estivese efectuado para o CXT e as oposicións. 

Desde a CIG-Ensino vimos de demandarlle novamente á Consellaría por escrito que remita a comunicación a todo o persoal docente afectado e instamos a todo o profesorado interino a que revise a súa folla de servizos no apartado de “datos persoais” para comprobar se aparece computado ou non ese tempo de vacacións non desfrutadas (2’5 días/mes traballado) xa que, de non figurar, debería reclamar no baremo das oposicións, sempre e cando non acade o tope da puntuación no apartado da experiencia. 

Por outro lado, animamos a todo o profesorado que nalgún momento fixo substitucións e non gozou as vacacións correspondentes a que reclame o seu recoñecemento, xa que logo da sentenza que vén de gañar a CIG-Ensino fica claro que non existe límite temporal para solicitalo.

 

CIG Informa sobre a sentenza que recoñece as vacacións non gozadas como servizos prestados do persoal substsituto

Documento


Volver