Nova reunión coa Secretaría Xeral de Universidades con motivo do incremento do PIB para o financiamento das universidades públicas

A CIG-Ensino vén de asistir á comisión de traballo para establecer o incremento das partidas para acadar o obxectivo do 1% do PIB destinado ao financiamento das Universidades públicas logo da publicación da LOSU.

Esta é a terceira reunión á que somos convocados e seguimos sen ter unha folla de ruta específica, uns criterios concretos ou unha clarificación de obxectivos con respecto a como ten que ser ese financiamento e de quen dependerá.

Unicamente se trasladou información estatística

Durante a reunión o responsable da Secretaría Xeral de Universidades fixo unha exposición sobre os datos de financiamento das universidades de Europa e das españolas para ver unha comparativa das diferenzas que existen entre elas.

Grupo de traballo sen capacidade decisoria

A reunión non tivo máis utilidade que a de concluír que o modelo de financiamento articulado entre as CCAA e as universidades públicas é complexo e heteroxéneo. Segundo o Ministerio as partidas destinadas están lonxe dos valores medios europeos e fixar o obxectivo no 1% do PIB non é suficiente para corrixir e mellorar este financiamento ante a complexidade e heteroxeneidade dos modelos existentes e ante as propias diferenzas económicas en termos de PIB das CCAA.

O Ministerio quedou en trasladarnos os datos que se presentaron ao longo da reunión que recollen información sobre os datos de financiamento no período 2009-2024 e comprometéuse a convocar unha nova reunión nun prazo breve de tempo para facer unha valoración político-sindical dos mesmos.

Volver