Nova oportunidade perdida nos cambios introducidos na regulamentación do persoal interino e substituto para mellorar os dereitos deste colectivo

Na Mesa Sectorial a CIG-Ensino reclamou unha cláusula de estabilidade para o persoal interino con máis antigüidade e que se cumpra o pagamento do verán ao persoal substituto con máis de 5 meses e medio traballados.

Así mesmo, rexeitou o sistema de penalizacións que vai introducir a Consellaría xunto á nova aplicación informática de adxudicación das substitución.

A CIG-Ensino foi a única organización sindical que propuxo melloras ao texto do Acordo na Mesa Sectorial (volver ao baremo para ordenar as listas abertas, aumento da idade das crianzas para renunciar ou restrinxir, modificar as zonas para facer substitucións...) para aproveitar esta modificación para incorporar demandas do persoal interino e substituto. A administración deixou claro que non ía incorporar ningunha achega polo que queda de manifesto o desprezo pola Mesa Sectorial e que só se trouxeron os cambios por mera obriga legal pero non para negociar absolutamente nada e nin sequera serviu para aclarar nin especificar mellor o novo sistema de chamamentos mediante aplicación informática.

O sindicato foi moi crítico coas formas e co fondo unha vez máis das modificacións introducidas no texto do Acordo que regula as condicións de traballo do persoal interino e substituto. Tal e como lembrou a secretaria nacional, Laura Arroxo, a comisión de seguimento dun acordo “é para facer seguimento e non para negociar novas condicións de traballo que lle afectan ao profesorado”, como é neste caso a non obrigatoriedade de presentarse ás oposicións para o persoal consolidado nas listas, medida coa que a CIG-Ensino está de acordo, ou o novo sistema de cobertura de vacantes de substitucións mediante unha aplicación informática que substituirá os chamamentos telefónicos. Así, a CIG-Ensino afeoulle á administración que trouxera o texto á Mesa Sectorial “por puro trámite” pero sen intención de negociar ningunha modificación. De feito, o subdirector xeral de Recursos Humanos zanxou a súa intervención dicindo que non se ía ter en conta ningunha achega e que o documento se asinaría esta mesma mañá.

Demandas sen atender do colectivo docente máis vulnerábel

Na intervención da CIG-Ensino tamén se criticou o fondo das modificacións. Arroxo incidiu en que a CIG-Ensino non vai ser cómplice dun Acordo que non se cumpre ano tras ano, en referencia á cláusula que incorpora que o persoal substituto que traballe ao longo do curso máis de 5 meses e medio terá un nomeamento no verán e cobrará proporcionalmente. Este dereito que foi eliminado por Feijóo desde o ano 2012 está limitado cada exercicio polos Orzamentos Xerais da Xunta e suporía un incentivo para moitas persoas ás que nestes momentos non lles compensa aceptar substitucións de escasa duración e deixar outros traballos máis estábeis. Tamén lembrou que non se cumpre a reserva de posto de traballo para as persoas que están de Incapacidade Temporal no momento do chamamento para a cobertura dunha substitución, que é algo que o texto non discrimina e que a Xunta só aplica a quen está de permiso por nacemento, adopción, acollemento ou coidado do menor.

Por outra banda, o sindicato maioritario na Mesa lembrou que non asina este documento por non incluír unha cláusula de estabilidade para o persoal interino con maior antigüidade no ensino público e que despois dos procesos de estabilización se fai máis necesaria ca nunca. Sobre a non obrigatoriedade de presentarse as oposicións para o persoal consolidado congratúlase de que agora a Consellaría acepte unha medida que a CIG-Ensino xa propuxera hai tres anos para o persoal maior de 55 anos. Tamén na última negociación deste acordo plantexara crear unha aplicación web para a selección diaria das vacantes de substitución, medida que a Consellaría non vía de utilidade. Agora, sen embargo, incorpora este cambio que, segundo explicou o subdirector xeral, pretende implantar de forma piloto en especialidades minoritarias “o mes que vén” para a súa extensión ao resto a partir de setembro. Laura Arroxo pediu que se aclararan cuestións sobre o seu funcionamento, que será a través da aplicación  https://www.edu.xunta.gal/substitutos, e a Consellaría limitouse a dicir que “está en proceso”. O único que se explicou é o seguinte:

  • Preténdese continuar co sistema de cobertura de vacantes dous días á semana, martes e venres.
  • Os centros subirán as vacantes como até agora que lles serán comunicadas a un número de persoas “suficiente” (4/5 persoas por vacante) por dúas vías (correo e teléfono móbil) dándolles un prazo de 24 horas para facer peticións.
  • Ao día seguinte adxudícanse tendo en conta a ordenación nas listas. Se quedou algunha sen cubrir ofertaríase na seguinte convocatoria de forma voluntaria para o conxunto de persoas que está na listaxe.

Para o sindicato este último punto pode ser complexo de xestionar e pediu que as persoas que acepten voluntariamente esas vacantes consoliden na listaxe. Con todo, o punto que causou máis rexeitamento foi o das penalizacións, dado que desde o punto de vista de Arroxo “son excesivas”. Tal e como reza o texto, que ningunha outra organización sindical emendou, se a persoa interesada non participa e non o xustifica adecuadamente ou non solicita todas as prazas ás que está obrigado, será excluído dos chamamentos durante:

  • 30 días lectivos a primeira vez.
  • 60 días lectivos a segunda vez.
  • Definitivamente na terceira ocasión.

Arroxo insistiu en que 60 días lectivos por exemplo é case a metade do curso escolar, polo que “se agora mesmo xa hai dificultades para atopar persoas que acepten substitucións sobre todo nalgunhas especialidades este tipo de penalizacións non van a contribuír a mellorar a xestión das listaxes”.

Por último, lamentou que non se aproveitaran estes cambios para negociar melloras que realmente demanda o colectivo de persoal interino e substituto como incluír a renuncia a traballar sen xustificación por un período de tempo, modificar as zonas para poder restrinxir onde prestar servizos pasando de concellos a áreas máis grandes, aumentar a idade das crianzas para poder renunciar ou restrinxir onde traballar até os 12 anos ou volver ao baremo para a ordenación das listaxes abertas, entre outras cuestións.

Volver