Nova mostra de dignidade, recoñecemento e solidariedade no quinto día de folga docente en menos de tres meses
Desde os cursos 86/87 e 87/88, con 12 e 20 convocatorias de folga respectivamente, nunca se convocaran cinco días de folga no mesmo curso, o que demostra a fartura e malestar do profesorado polas súas condicións e polo deterioro do ensino público galego
Despois de que onte houbera máis de 20 marchas fúnebres por toda Galicia, nas que se simbolizou o velorio do ensino público galego, hoxe o profesorado galego escenificou o seu enterro polas rúas de Compostela, saíndo do Parlamento onde onte se aprobaron os orzamentos da Xunta para 2026 sen ningunha modificación. Á chegada ao edificio de San Caetano realizouse o funeral polo ensino público mais as intervencións das organizacións convocantes estiveron cargadas de mensaxes en positivo polo conseguido en menos de tres meses de mobilizacións: recuperar a dignidade e o recoñecemento social do colectivo, acrecentar a solidariedade entre compañeiros e compañeiras e facer reaccionar á Consellaría que, aínda que se segue negando a negociar coa maioría sindical, anunciou que adiantará a negociación da baixada de ratios en secundaria e que o vindeiro curso haberá novidades a respecto da recuperación do horario lectivo. Estas dúas cuestións supoñen unha emenda ao contido do acordo asinado hai agora dous anos e son froito da presión protagonizada polo profesorado, tal e como lembrou Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino.
Ambiente de funeral polas rúas da capital galega esta mañá no que xa é o quinto día de folga docente desde que o 25 de setembro tivera lugar a primeira. Neste tempo, menos de tres meses, como indicou a responsábel do sindicato maioritario no ensino público en Galiza, “o conseguido foi moito”. O manifesto final referiuse en concreto á recuperación da dignidade profesional, que nos últimos anos de recortes e desprestixio por parte da administración tamén se lle intentou roubar ao profesorado. “Unha dignidade que se está traducindo en respecto e recoñecemento pola nosa profesión, non aínda por parte de quen nos goberna, pero si por parte da sociedade, sobre todo das familias e do noso alumnado. Neste tempo de mobilizacións fomos gañando a complicidade de moita xente que viu na nosa causa a súa causa. Nestas dúas xornadas de folga que hoxe completamos foron moitas as Anpas que, aínda sendo en horario de mañá, nos acompañaron onte protagonizando as mobilizacións e nos transmitiron mensaxes de apoio. Tamén sentimos o alento de moito do noso alumnado que nesa relación estreita que nos une sabe ben que o que pedimos é para que teña dereito á educación e á atención de calidade que merece. Pero especialmente o que sentimos é a empatía, o compañeirismo e a solidariedade entre nós”, rezaba o texto.
Así, as representantes sindicais indicaron que o éxito da folga e das mobilizacións é ter conseguido a unidade do profesorado. “Fomos quen de rachar as paredes das salas de profesorado, dos colexios e institutos para levar as nosas demandas á rúa, aos medios de comunicación e ás conversas cotiás. Para todas as persoas que participaron activamente nestas folgas hai un antes e despois das mesmas e para as organizacións convocantes tamén. Esta semana a palabra folga estivo moi presente nas mensaxes Abalar que recibiron familias e alumnado e o conselleiro nunca tanto tivo que responder a preguntas sobre as nosas condicións de traballo e os recortes no ensino público. Malia todos os intentos de dividirnos, de desgastarnos e de culpabilizarnos co tema das avaliacións estamos aquí en pé, por moito que lle pese á Consellaría”, engadiron.
Punto e seguido nas mobilizacións despois de facer reaccionar á Consellaría
Durante a marcha portáronse cadaleitos, candeas, esquelas e outra simboloxía mortuoria, xunto con cabezudos do presidente Rueda e do conselleiro Rodríguez. Houbo minutos de silencio, loito e toque de campás pero na intervención final as responsábeis da CIG-Ensino e do STEG quixeron deixar unha mensaxe optimista sinalando que “todo o esforzo e sacrificio que está facendo o persoal que secunda a folga e asiste ás mobilizacións non pode ser inútil e que o que está por vir ten que ser para mellor”. Neste sentido animaron ás persoas asistentes a que as mobilizacións desta semana sexan un punto e seguido. “Pasaron dous anos da sinatura do acordo e non houbo ningún avance, máis ben retrocesos e incumprimentos (nin ratios mixtas, nin desdobres en todos os grupos que cumprían os requisitos, nin cómputo como dobre ou triplo do alumnado con discapacidade en todas as etapas, nin limitación de aumentar por riba de 20 onde xa se superaba esta cifra). Por suposto nada para secundaria, bacharelato, FP nin ensinanzas de réxime especial. Pois ben, apenas dous meses de mobilizacións serviron para conseguir o que non se conseguiu en dous anos. A Consellaría négase a negociar coas organizacións maioritarias que representan ao profesorado e que convocan estas folgas pero está reaccionando adiantando a negociación da baixada de ratios en secundaria e abordando a recuperación do horario lectivo coas organizacións minoritarias. Unha vez máis busca cómplices para facer o que pode facer de motu propio e hai quen se presta a isto. Pero non nos enganemos, estampar a sinatura nese acordo non serviu de nada. Como verdadeiramente se está condicionando o seu desenvolvemento é coas mobilizacións protagonizadas polo profesorado nunhas condicións moi adversas, con moitos factores en contra, pero coa forza da razón, como dixemos desde o comezo”, insistiron.
“Quedémonos con esta mensaxe en positivo. Temos os obxectivos claros: recuperación de todo o que nos roubaron e que depende da Xunta: horario, pagamento do verán ao persoal substituto, complementos salariais, fondo de acción social, licenzas por formación retribuídas... e mellorar o ensino público ante os novos desafíos que se nos presentan que pasa pola redución de ratios e por maior persoal para atender á diversidade. Porque é de xustiza, porque é o que garante unha sociedade igualitaria, inclusiva e diversa e porque está na nosa man conseguilo”, concluíron antes de cantar unhas coplas finais compostas especialmente para a ocasión dirixidas ao conselleiro Román Rodríguez.

