
Nova concentración diante da Escola Merlín
A CIG-Ensino considera totalmente inxustificado o despedimento da educadora por causas de produción xa que a empresa terá que contratar a outra traballadora para seguir a dar o mesmo servizo
O luns, 17 de febreiro fíxose efectivo o despedimento dunha das educadoras da Escola Infantil Merlín. A non haber rectificación por parte da empresa a CIG-Ensino concentrouse, hoxe, 18 de febreiro ás 12:00h diante da escola en repulsa polo despedimento e a represión sindical efectuada á traballadora por parte da patronal e anuncia que seguirá mobilizándose até lograr que a compañeira se reincorpore ao seu posto de traballo.
A CIG ensino vén de valorar que actualmente as traballadoras que están a substituír ao persoal que está de baixa por incapacidade temporal, tres traballadoras con xornada completa, tan só cobren o 55’2 % das horas das traballadoras titulares (63 por 114 horas semanais de traballo), unha cifra absolutamente desproporcionada sobre a porcentaxe de alumnado presente neste actual curso, nomeadamente no mes de febreiro. Entendemos pois, que non se dan as condicións obxectivas de proporcionalidade en redución de alumnado coa redución de postos de traballo proposta pola empresa.
O sindicato afirma que o despedimento da educadora por parte do empresario Carlos Porto Santoro atende a cuestións de represión sindical a unha traballadora que foi na lista electoral da CIG nas eleccións sindicais da Escola infantil Merlín.
Por outra banda temos o coñecemento de que unha das traballadoras que actualmente substitúe á titular que pretenden despedir ten intención de rematar a súa relación laboral coa empresa a curto prazo o cal fai que o despedimento sexa totalmente improcedente.
Tras a convocatoria de dúas concentracións diante da Escola Infantil Merlín, a representación sindical tentou pórse en contacto con Carlos Porto Santoro en múltiples ocasións co fin de manter unha reunión e pedir a revocación do despedimento, cousa que non foi posíbel debido ao rexeitamento da patronal a manter reunións de xeito presencial. Condenamos abertamente esta conduta que non fai máis que porfiar no desprezo da empresa cara as súas traballadoras e ademais atenta gravemente ao dereito da delgada sindical a ter información en situacións de gravidade como é a da represión sindical e despedimento improcedente.
Volvemos lembrar tamén que a Escola infantil Merlín está totalmente financiada pola Xunta de Galiza dentro das liñas de subvención das escolas infantís privadas 0-3 e que depende principalmente do número de admisión de alumnado cuxa liña de financiamento para esta escola neste curso 2024/2025 será de 190000 euros de cartos públicos cousa que non foi capaz de manter a calidade educativa perdendo así servizos fundamentais como a parella educativa.