
Nova concentración da CIG-Ensino co profesorado CELGA para defender os seus dereitos laborais
Realizouse este luns 31 de marzo diante da Secretaría Xeral de Política Lingüística
Esta concentración súmase as xa realizadas con anterioridade pola CIG-Ensino encamiñadas ao recoñecemento dos dereitos laborais do profesorado colaborador que impartía cursos preparatorios. “A esta altura a CIG-Ensino -explica Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino- xa sabemos que a Consellaría de Educación está tendo moitas dificultades para conseguir profesorado en activo que queira impartir os cursos como horas extras. Temos coñecemento de que están recorrendo a persoal non docente, que teña a titulación de galego ou de galego portugués, e incluso está dicíndolle aos concellos que busquen eles profesor/a”, engadiu.
A CIG-Ensino tamén acudiu o pasado venres á EGAP, en Santiago, para intentar persuadir ao profesorado que accedeu a impartir os cursos e que foi convocado pola SXPL para ese día. “Alí mesmo puidemos comprobar que non chegaban a trinta as persoas que aceitaron o convite da SXPL, unha cifra coa que non poderían cubrir a totalidade de cursos que ofertan”, engadiu Louzao. A CIG-Ensino tamén convocou para a tarde deste luns 31 asembleas informativas nos seus locais co profesorado afectado para abordar propostas de actuación.