Nova censura do Consello de Europa ao abandono do galego na Educación: a Xunta debe rectificar
É a terceira vez que o Comité de expertos do Consello de Europa chama a atención polo deterioro que a política lingüística da Xunta provoca no noso idioma no ámbito educativo
Terceira vez e coa mesma contundencia: o informe 2024 do Comité de expertos do Consello de Europa volve tirar das orellas á Xunta de Galiza polo que todos e todas podemos observar desde o ano 2009 nas aulas do país: os efectos dunha política de relegación do idioma propio do país nas aulas.
O que sen dúbida só pode ser cualificado como emerxencia lingüística polo afastamento da nosa lingua das crianzas nos seus primeiros anos de contacto coas aulas en ámbitos urbanos (e non só), a proscrición e, por tanto, estigmatización do galego en áreas científico-técnicas como Matemáticas, Física e Química ou Tecnoloxía, vén dando os froitos perseguidos por quen deseñou, aplicou e mantén a actual política lingüística no sistema educativo galego.
O informe do Consello de Europa é claro ao respecto desta realidade e identifica aqueles aspectos nos que o estado español (neste caso por vía do goberno galego como competente nas políticas lingüísticas no ensino) incumpre reiteradamente a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, de obrigado cumprimento desde hai máis de dúas décadas. Así, no seu informe o Comité salienta:
- Que se deben eliminar as limitacións ao galego nas materias científicas.
- Que se debe garantir que o galego estea dispoñíbel en todos os niveis educativos.
- Que se tomen medidas para asegurar unha presenza proporcional do galego nas aulas de Infantil dos ámbitos urbanos
- Que se elaboren materiais didácticos en galego para as ensinanzas técnicas e profesionais, incluídas as ensinanzas a distancia.
A CIG-Ensino chama a mudalo todo en política lingüística no ensino
Para a CIG-Ensino, en palabras do seu secretario nacional, Suso Bermello, “non pode haber ningunha mellora na actual situación de emerxencia lingüística se non se afronta un cambio radical na política lingüística no ámbito educativo”. O sindicato considera que o goberno galego debe deixar de ser un elemento contrario ao uso do idioma propio do país para ser dinamizador e protagonista central da defensa e proxección social da nosa lingua.
Neste sentido o sindicato chama ao executivo de Rueda a abrir con carácter de urxencia un foro de negociación para aprobar unha nova norma que derrogue o actual decreto de plurilingüísmo e supoña un verdadeiro apoio ao uso e difusión da nosa lingua nas aulas e fóra delas. “As bases aprobadas no 2020 por unha maioría sindical no ensino público, entidades en defensa da lingua como A Mesa, movementos de renovación pedagóxica e ANPAs son, sen dúbida, un elemento que debería ser tomado en consideración polo goberno, porque van na liña do que ditamina o Consello de Europa e que a Xunta ten obriga de cumprir”, afirmou Bermello.