Non se cubrirán as baixas por permiso electoral

A consellaría confirmounos hoxe na mesa sectorial de educación a súa negativa a cubrir as substitucións do profesorado que se presente como candidato nas eleccións municipais

A CIG-Ensino esixiulle hoxe na Mesa Sectorial á Consellaría de Educación que nomee profesorado substituto para cubrir os permisos ós que ten dereito o profesorado que se presenta como candidato ás eleccións municipais, de acordo co artigo 13.5 do Real Decreto 605/1999, de 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais.

A resposta da Consellería foi que soamente en “casos especiais” (escolas unitarias, 2º de bacharelato...) estaría disposta a cubrilas, alegando que a duración destes permisos tiña unha duración semellante a de outras baixas que tampouco a administración estaba cubrindo (esta actuación xa foi denunciada en distintas ocasións pola CIG-Ensino).

A CIG-Ensino amosou o seu total rexeitamento a esta medida, xa que é a primeira vez que non se envía profesorado aos centros para cubrir estas substitucións. Trátase dunha actuación máis desta Consellaría que se desentende da marcha normal dos centros educativos, comportando grandes prexuicios, tanto organizativos como pedagóxicos, que sofren o alumnado e o profesorado.

Facemos un chamamento ós centros para que continúen demandado a cobertura destas substitucións e escritos de rexeitamento destas actuacións.

Volver