Non á censura!

A CIG-Ensino denuncia as presións que se están exercendo dende a administración educativa aos centros educativos para tratar de paralizar as mobilizacións que demandan medios e recursos

Xa denunciábamos na nota de inicio de curso que a administración educativa, a través das inspeccións, estaba facendo chamadas as dirección dos centros con ameazas para tratar de paralizar calquera reivindicación ou mobilización para demandar os recursos que lles negaba.

No día de hoxe pasouse incluso ese límite ao PROHIBIR a “sentada” que o alumnado do IES Punta Candieira de Cedeira facía no recreo  para esixir os recursos que lle quitaron ao centro.

Ligazón ao vídeo da sentada, colgado nas redes da CIG-Ensino

A supresión de profesorado feita pola Consellaría nese centro vai supor un prexuízo para o alumnado ao imposibilitar desdobres, obrigar a que determinadas materias, incluso do bacharelato, sexan impartidas como afíns, ter aulas saturadas…….. Polo tanto, o alumnado, como toda a comunidade educativa, está no seu dereito a facer as reclamacións e mobilizacións que consideren oportunas e iso debera tamén formar parte do que é a formación dun espírito crítico.

Recordámoslle á Consellaría que en democracia ningunha administración está lexitimada para coartar ou impedir por ningún medio a libre expresión ou manifestación da cidadanía en demanda dos medios e recursos que considera necesarios para o bo funcionamento dos servizos públicos .

DENDE A CIG ESIXIMOS QUE CESEN AS PRESIÓNS POR PARTE DA ADMINISTRACIÓN Á COMUNIDADE EDUCATIVA E QUE DIRIXAN OS SEUS ESFORZOS A GARANTIR UN ENSINO PÚBLICO DE CALIDADE.

DESDE O SINDICATO ANIMAMOS A TODOS OS SECTORES AFECTADOS A MANTER E INCREMENTAR AS PROTESTAS E PERSEGUIRÁ CALQUERA PRETENSIÓN INVOLUCIONISTA POR PARTE DA CONSELLARÍA.

Volver