NON Á CENSURA. A CIG-Ensino chama a protestar nos centros contra a inxerencia política da Xunta

O sindicato exixe a retirada das instrucións aínda non remitidas aos centros e a súa negociación na Mesa Sectorial

A gravidade das declaracións feitas polo responsábel de educación do goberno galego, Román Rodríguez, e que xa tiveron unha resposta contundente por parte do sindicato maioritario no ensino público no día de onte, só se poden entender desde a deriva reaccionaria na que está instalado o Partido Popular, querendo levar aos centros educativos un conflito polo control ideolóxico do sistema educativo.

A pretensión de coartar a liberdade do profesorado e mesmo das familias ou outras entidades e institucións que colaboran nas actividades complementarias para o alumnado ten que se contestada por toda a comunidade educativa porque poñen en perigo a democracia dos centros docentes, a capacidade das equipas pedagóxicas para decidir sobre aspectos curriculares e formativos e a participación de todos os sectores presentes neses mesmos centros para levar adiante as actividades que consideren necesarias sen que ningún político ou burócrata pretendan impoñer os seus prexuízos ideolóxicos.

Por iso, a CIG-Ensino chama ao profesorado, alumnado e familias a encher os centros con cartaces cunha mensaxe clara e directa ao conselleiro de Educación.

ENSINO SEN CENSURA. NON NOS CALARÁN

Retirada e negociación

A CIG-Ensino exixe que a Consellaría desista de enviar aos centros as instrucións e que convoque con carácter de urxencia unha Mesa Sectorial para negocialas, algo ao que se comprometeu nesa mesma Mesa a actual directora xeral de ordenación e innovación educativa, Judith Fernández. O sindicato non permitirá baixo ningún concepto que se actúe contra a profesionalidade do profesorado e o bo facer dos centros educativos á hora de formar un alumnado reflexivo e crítico.

Volver