Nomeamento de coordinadoras e coordinadores de ciclo
Presentado escrito solicitando que poida ter nomeamento de coordinador ou coordinadora de ciclo con todas as consideracións e beneficios que lle corresponden e que gozaban até agora
A aplicación da LOMCE, sen lugar a dúbidas, está a ser un cúmulo de desatinos e unha improvisación permanente, cuxas consecuencias e prexuízos recaen sobre o traballo do profesorado e inciden negativamente no funcionamento dos centros.
Independentemente do noso rexeitamento absoluto á LOMCE, o máis lóxico e razoábel sería adiar a aplicación da norma, unha vez que este curso escolar se iniciou aplicando uns currículos que estaban sen publicar no DOG. Hoxe por hoxe, nin se negociou nin se publicou ningún tipo de norma para regular e organizar a implantación de 1º, 3º e 5º de Primaria, malia que a LOMCE suprime os ciclos, modifica currículos, cambia a promoción, estabelece unha avaliación individualizada en 3º, etc.
Para non afondar máis aínda na desconsideración e prexuízo ao profesorado, a CIG-Ensino, ante esta situación, solicita que, mentres non se regulamenten os cometidos, a funcións dos diferentes órganos e as diferentes coordinacións, calquera profesor ou profesora, independentemente do curso que estea a impartir docencia neste curso, poida ter nomeamento de coordinador ou coordinadora de ciclo con todas as consideracións e beneficios que lle corresponden e que gozaban até agora.