Nomeamento “A DEDO” das direccións dos Centros Integrados de FP

Direccións dos Centros Integrados de FP

A CIG-ENSINO considera inaceptábel que esta convocatoria se faga dun xeito case clandestino, coincidindo co remate do curso escolar e coas vacacións do profesorado o que dificultará a xa escasa participación que se lle da ao mesmo en todo este proceso, proceso que terá como remate o nomeamento de persoas xa previamente elexidas pola Consellaría non se sabe con que criterios.
NOMEAMENTO “A DEDO” DAS DIRECCIÓNS DOS CENTROS INTEGRADOS DE FP

A Consellaría de Educación vén de anunciar na páxina web a inmediata convocatoria de concurso público para cubrir, mediante o sistema de libre designación, os postos de directores e directoras dos Centros Integrados de FP.
 
A CIG-ENSINO ten demandado continuamente a modificación da lexislación actual, derivada da Lei Orgánica 5/2002 das Cualificacións e a Formación Profesional, para permitir que a dirección dos Centros Integrados de FP sexa elexida pola comunidade educativa nun procedemento democrático e non nomeada mediante o sistema de libre designación, sistema que considera á dirección dos Centros Integrados de FP como unha parte máis da estructura da Consellaría de Educación, é dicer, como cargos de confianza.
 
Na convocatoria que proximamente vai ser publicada no DOG, nen sequera se esixen aos candidatos para estes postos os mesmos requisitos que se demandan para optar a exercer a dirección dos demais centros públicos e así poderán ser nomeadas para a dirección dos Centro Integrados de FP persoas que non impartiran nunca ensinanzas de Formación Profesional nin de Bacharelato, cando para os restantes centros establécese como requisito que os candidatos impartan algunha das ensinanzas que se ofertan no centro.
 
Mentras que nos centros públicos a dirección é seleccionada por unha comisión na que teñen maioría os representantes do claustro e do consello escolar, nos Centros Integrados de FP o claustro de profesores e o consello social limitaranse a emitir un informe non vinculante sen que os candidatos teñan siquera a obriga de presentar un proxecto de dirección que deba ser valorado.
 
Tampouco se contempla na convocatoria a esixencia para as persoas nomeadas de superar un programa de formación inicial que lles permita exercer o cargo con solvencia, como se esixe a todos os directores e directoras dos demáis centros públicos, o que resulta incomprensíbel en centros coa complexidade dos CIFP onde terán que xestionar, ademáis das ensinanzas de FP regrada, a impartición de cursos dos programas de Formación para o Emprego (para parados e traballadores de empresas) e participar, entre outras cousas, na realización dos procesos de avaliación e recoñecemento de competencias da poboación activa.
 
A CIG-ENSINO considera ademáis inaceptábel que esta convocatoria se faga dun xeito case clandestino, coincidindo co remate do curso escolar e coas vacacións do profesorado o que dificultará a xa escasa participación que se lle da ao mesmo en todo este proceso, proceso que terá como remate o nomeamento de persoas xa previamente elexidas pola Consellaría non se sabe con que criterios.

Volver