No teu centro de traballo tamén hai violencia

25 de novembro, Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres

Unha de cada tres mulleres no mundo padeceu ao longo da súa vida un acto de violencia de xénero (maltrato, violación, abuso, acoso...). A violencia machista é a principal causa de morte das mulleres de entre 15 e 44 anos, por diante do cancro, a malaria, os accidentes de tráfico e mesmo as guerras, segundo datos da Organization Mundial da Saúde ofrecidos polo Fondo de Desenvolvemento de Nacións Unidas para a Muller (UNIFEM). Consulta no interior as mobilizacións convocadas pola CIG para o 25 de novembro.


Case mil mulleres foron asasinadas no Estado español desde hai unha década. Centos delas, galegas.


Este feminicidio é o último chanzo dunha pirámide da violencia. Na base está a sociedade patriarcal, que fomenta formas sutís como o humor sexista, o control, a publicidade sexista, a anulación, a invisibilización do xénero feminino na linguaxe, os micromachismos. Estamos a falar dunha violencia simbólica, de abusos cotiáns, que son a base da violencia contra as mulleres.


Podemos atopala nas nosas relacións familiares, nas relacións sociais, no ámbito da parella, pero tamén ocorre no traballo, na escola, nas organizacións, na comunidade.


Evidencia relacións de poder, inxustiza e inequidade entre mulleres e homes. Se a nomeamos, se a identificamos, tomaremos consciencia da realidade e poderemos pular por relacións máis cooperativas, máis honestas e igualitarias.


A escola non escapa a esta realidade. Como profesionais temos a responsabilidade de tratar  esta lacra social nas nosas aulas facendo dende infantil un traballo serio onde se traballen aspectos da igualdade, da resolución de conflictos sen violencia ,etc.

En secundaria é quizais onde debemos ser extremadamente coidadosas/os. Os/as adolescentes  inician as relacións de parella, por tanto é un tema que debe estar presente nas aulas, tanto dun xeito específico como transversal en todas as materias. A igualdade entre homes e mulleres, a non violencia e o respecto son valores que como docentes temos a obriga de transmitir ao alumnado.


O profesorado debe ser coidadoso á hora de valorar os comportamentos nas aulas. Debemos ser conscientes do valor que lles damos ás opinións das alumnas e alumnos, das propostas que aceptamos dependendo de se veñen de rapazas ou rapaces, e de se consentimos chistes machistas nas aulas, ou aspectos sutís da violencia nos corredores, no recreo, nas aulas. Así mesmo prestar atención á linguaxe sexista que se usa a diario e á que, ás veces, non se lle dá a importancia que ten.


Non só debemos transmitir estes valores ao alumnado, senón telos presentes tamén como traballadoras/es dun centro. Hai que mostrarlle ao alumnado que os cargos de  responsabilidade nun centro -xefaturas de departamento, as direccións, as xefaturas de estudo...- non están reservados para os homes.


Cando se aproba unha lei como a LOMCE que permite, consinte e alimenta a educación segregada por sexos e cando se aproban contidos curriculares que atentan contra a igualdade de homes e mulleres, non só nos afecta como cidadanía, senón tamén como traballadoras/es do ámbito do ensino.


Debemos ensinar a estar alerta porque hai formas sutís de violencia, a ser conscientes deses actos “invisibeis” e saber identificalos para correxilos e evitalos.


Como docentes temos a responsabilidade de ensinar a vivir en igualdade para poder prever calquera forma de violencia,  neste caso para prever a violencia contra as mulleres polo simple feito de ser mulleres.

MOBILIZACIÓNS DA CIG CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA:

  • A Coruña: ás 12 horas na Praza Luís Seoane, ás 12 horas
  • Ferrol: ás 12 horas diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galiza
  • Compostela: ás 12 horas diante da Confederación de Empresari@s, na rúa do Vilar, 54
  • Pontevedra: ás 12 horas na Praza 8 de Marzo
  • Vilagarcía: ás 11 horas diante da FECA (Federación de Empresarios/as da Comarca de Arousa, na Rúa Castelao)
  • Ourense: ás 11 horas diante do local sindical
  • Lugo: ás 12 horas diante da CEL (Confederación de Empresarios/as de Lugo)
  • Vigo: ás 12 horas nos Xulgados o día 24 de novembro

CIG-INFORMA 25 DE NOVEMBRO

A secretaría da Muller da CIG lanza a campaña “Na túa empresa tamén hai violencia”, con motivo do 25 de Novembro

Volver