No concurso de traslados puntuarán os traballos de dirección e actuación en cine e televisión

Así llo vén de confirmar a Consellaría á CIG-Ensino nunha resposta a unha proposta formulada polo sindicato na Mesa Sectorial

Na Mesa Sectorial do 15 de outubro na que se negociou a convocatoria do concurso xeral de traslados (CXT), a CIG-Ensino trasladou a seguinte proposta:

Apartado 6.3. Malia que non se recolleron no título deste epígrafe, como propuxemos ao Ministerio, a mención expresa a ritos relacionados coa artes dramáticas e audiovisuais, seguimos entendendo que teñen cabida nel e mais cando agora, recollendo o que se di na orde do Ministerio, se apunta a espectáculos teatrais ou circenses.

Cando se fala de actuacións, de actores e actrices non debemos limitar esas participación a unha sala de teatro ou de ópera. Todo traballo de interpretación, sexa co formato que sexa, debe ser baremado e debe recollerse no anexo cos criterios de valoración.

Naquela reunión a nosa proposta quedou sen resposta, comprometéndose a Consellaría a contestala máis adiante. Aínda que con demasiado retraso (máis dun mes desde o día da Mesa), finalmente a subdirección xeral de persoal vén de nos comunicar por escrito o seguinte:

No apartado 6.3 do anexo de baremo de persoal docente establécese:

 -Por actuacións e concertos como director/a, actor ou actriz, intérprete, bailarín/a ou solista en orquestras ou en agrupacións camerísticas (dúos, tríos, cuartetos…).

Neste apartado poderíase baremar a dirección ou actuación en medios como o cine ou a televisión ou soamente refírese á dirección e interpretación en obras musicais? 

SI, pode referirse a todos estes supostos, xa que non hai restrición explícita ás obras musicais, e por tanto, tamén se poderían computar a dirección ou actuación en medios como o cine ou televisión.

Por tanto, todas aquelas persoas que teñan méritos destas características neste apartado poden alegalos nesta convocatoria. De se ter presentado xa a instancia e as alegacións de méritos, pode volverse a presentar todo de novo, xa que a instancia que é válida é a última que se rexistra.

Convén ter en conta que, tal e como figura no baremo, para acreditar estes méritos é preciso presentar o programa onde conste a participación da persoa interesada e certificación da entidade organizadora, onde conste a realización da actuación ou do concerto e a participación como persoa directora, actor ou actriz.

Volver