
Ningún avance na mellora da profesión docente no ecuador da que ía ser a “lexislatura do profesorado”
A CIG ensino aproveitou a Mesa Docente estatal para pedir que se presenten propostas de mínimos que permitan posteriormente negociar melloras no ámbito galego arredor de tres eixos: redución de ratios, recuperación do horario e corpo único docente A1
Con respecto ao RD sobre o plan de formación da función directiva o Ministerio aceptou a proposta do sindicato de que os cursos superados teñan validez indefinida e que a actualización sexa voluntaria para quen ten unha avaliación positiva. Porén, foron rexeitadas outras propostas que teñen que ver coa nosa lingua, á inclusión de alumnado procedente doutras realidades lingüísticas ou sobre a elaboración do Plan de igualdade de centro.
No mes de abril do ano pasado a CIG-Ensino xa criticara que a anunciada “lexislatura do profesorado” por parte da ministra Pilar Alegría non daba arrancado. Agora, cando se chega á metade da lexislatura, cando menos hipoteticamente, segue sen haber nin un só avance enriba da mesa que permita agardar melloras para a profesión docente.
“Se cando se propuxo a creación de grupos de traballo para o que sería unha reforma legal da función docente amosamos desconfianza, agora podemos dicir que estabamos no certo na nosa crítica, xa que a pesar de levar dúas reunións non se moveu ficha ningunha, non hai ningunha proposta e o único que se fixo foi escoitar as opinións e posicións dos sindicatos que son coñecidas xa polo goberno”, sinala a secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo.
Tras a insistencia sobre esta parálise o Ministerio comprometeuse a convocar no mes de xullo unha nova reunión do grupo de traballo destinado ás condicións de desempeño docente e enviar antes unha proposta. Desde a CIG-Ensino reiteramos que todo o que se plantexe ten que ter un carácter de mínimos, permitindo así marxe de manobra ás comunidades autónomas. Con todo, e dado que a distribución competencial segue deixando determinadas cuestións como o acceso á función pública ou os réximes de xubilación en mans do Estado, o sindicato nacionalista entende que hai tres cuestións urxentes que abordar que pasan por:
- redución, con pleno carácter legal, de ratios máximas en todas as ensinanzas, incluíndo as adaptacións necesarias para a atención ás necesidades específicas de apoio educativo.
- regulación dun horario lectivo máximo que permita recuperar os dereitos arrebatados a nivel de Estado e que, no caso galego, non se recuperaron.
- modificación da estrutura dos corpos docentes para garantir que todo o profesorado pertenza ao subgrupo A1.
A CIG-Ensino agarda movementos neste sentido e unha calendarización sobre a súa aplicación, alén de que se concrete que tipo de marco lexislativo se empregaría para levar a cabo estas regulamentacións.
Decreto de formación sobre a función directiva
En cando ao proxecto do Real Decreto sobre as características do programa de formación sobre o desenvolvemento da función directiva o sindicato nacionalista presentou varias alegacións. Unha das máis importante, e que foi aceptada por parte do Ministerio, é que os cursos de formación superados teñan validez indefinida e que a actualización teña carácter voluntario para aquelas persoas que teñen avaliación positiva da súa función directiva, xa que no texto inicial só se indicaba que pasados oito anos desde a expedición da certificación teríase que superar os módulos de actualización sen excepcións.
Outras alegacións ao texto presentadas e que non se tiveron en conta foron:
- Debería incluírse que “as administracións educativas garantirán unha oferta suficiente de prazas para atender as demandas de formación deste programa”.
- Nos obxectivos bótase en falta unha referencia clara “á diversidade lingüística e cultural, especialmente no marco da atención á diversidade”. Existen territorios con lingua e cultura propias, e tamén alumnado procedente de realidades lingüísticas e culturais diversas, que requiren plans de acollida, para o cal a formación das direccións é fundamental.
- Debería incluírse formación na normativa aplicábel ao persoal funcionario e laboral.
- Pediuse que se indique expresamente o plan lingüístico do centro dentro dos contidos.
- Bótase en falta que haxa un módulo para a elaboracións de plans de igualdade, xa que nas liñas de actuación recóllese o fomento da igualdade entre mulleres e homes e a prevención da violencia de xénero, polo que ou ben debería existir un módulo independente ou incluílo no relativo á elaboración do plan de convivencia.