Na defensa do ensino público a CIG-Ensino rexeita a imposición da zonificación escolar de Vigo

A Inspección Educativa remitiu no pasado mes de decembro unha Proposta de zonificación para o Concello de Vigo que reduce de dez a catro a configuración das áreas escolares.

Preto de 20 colectivos sindicais, educativos, políticos e veciñais de Vigo -entre eles os que está a CIG-ENSINO- entregamos o pasado venres un escrito na Delegación da Xunta no que rexeitamos a proposta de zonificación escolar remitida pola Inspección Educativa e solicitamos a súa paralización ao entendermos que tería graves consecuencias para o ensino público vigués. O vindeiro mércores está prevista unha concentración fronte á Xefatura Territorial para reclamar a súa paralización.

Ao noso xuízo, a proposta nin garante a libre elección de centro nin aborda os problemas estruturais que ameazan a continuidade dalgúns centros públicos da cidade. Ademais non se atopa debidamente fundamentada, xa que non inclúe nin unha análise da situación actual,  nin unha exposición de motivos, nin cales foron os criterios aplicados nin as razóns que sustentan as decisións tomadas. En definitiva, trátase dunha proposta arbitraria. 

Por outra banda, as delimitacións zonais que se propoñen non só non garanten a liberdade de elección de centro en igualdade de condicións, senón que ademais non abordan os problemas estruturais que ameazan a continuidade dalgúns centros públicos da cidade (como é o caso do IES de Teis). Esta transformación vai significar a eliminación de postos de traballo eprofesorado, coa correspondente diminución de prazas no ensino público, aumentando aínda máis a fenda entre o ensino privado e o público. 

Estamos de acordo co feito de que o Concello de Vigo precisa unha nova zonificación, mais non deste xeito. Non podemos admitir baixo ningún concepto que o alumnado dos centros públicos se vexa privado, nalgúns casos, do dereito a cursar estudos secundarios en centros próximos aos seus domicilios, mentres este dereito se lle garante a quen asiste a centros concertados.

Chama a atención tamén a inacción do goberno municipal de Vigo neste caso, dada a  transcendencia deste asunto para o futuro da cidade, polo que esiximos a convocatoria urxente do Consello Escolar Municipal para abordar esta cuestión. 

O vindeiro mércores 17 temos convocado un Pleno extradordinario da Xunta de Persoal Docente e unha concentración ás 11:15 horas na Xefatura Territorial de Pontevedra reclamando a paralización da proposta e a posta en marcha dun diálogo con toda comunidade educativa.

Volver