• IMG_20190513_115214.jpg
  • IMG_20190513_115220.jpg
  • IMG_20190513_120021.jpg
  • photo_2019-05-13_11-11-03.jpg

Monforte berrou "O galego é a fórmula" por voz de medio milleiro de rapaces e rapazas participantes no Correlingua

Outra xornada de festa pola lingua na capital de Lemos coa participación de once centros de ensino, entre eles dous da Rúa e de Valdeorras

Con saída e chegada no parque dos Condes, a rapazada participante na edición este ano do Correlingua en Monforte (arredor de 500) correu polas rúas da vila con pancartas e coreando o lema deste ano: "O galego é a fórmula". Un aceno á química, cando se cumpre o 150 aniversario da presentación da táboa periódica e por outro lado o décimo da publicación do Decreto do plurilingüismo que relegou o galego fóra das materias científicas e o desprestixiou no ámbito do ensino. 

A marcha organizada pola CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio Pedagóxica Galega rematou ás 12 no Parque dos Condes onde tivo lugar unha festa conducida por Isabel Risco que foi saudando un a un aos 11 centros participantes. Ademais dos 9 procedentes da comarca da Ribeira Sacra lucense, tamén participaron dous da provincia de Ourense, un da Rúa e outro de Valdeorras. Durante a festa tivo lugar a lectura conxunta do manifesto a cargo de alumnado do IES Daviña Rey e do CPI Doutor López Suárez, que tamén tivo unha actuación musical. O grupo finalista do Cantalingua deste ano Monoulious DOP puxo o fin de festa coa súa música desenfadada e actual.

 

 

Volver