Moito alumnado sen docente e aforro de persoal con solucións imaxinativas: o caos do inicio de curso na FP galega
Antes de que a Consellaría saque a tradicional nota de prensa vendendo o récord de matriculacións na FP, a CIG-Ensino critica que a estas alturas de curso falten 80 docentes de FP nos centros e outras moitas vacantes non figuren na aplicación
Ademais o profesorado do IES de Teis do departamento de Informática ten previsto concentrarse todos os martes a partir de mañá até que se solucione o problema derivado da falta de asignación horaria para levar o soporte informático informático do centro que xa se saldou con máis de 80 incidencias desde o inicio de curso.
A Consellaría de Educación non parece estar preocupada porque o alumnado de FP leve sen docente, en moitos casos sen a figura da titoría, desde hai dúas semanas e media cando comezou o curso. Estas ensinanzas son nos últimos anos o principal foco de propaganda e de suposto éxito da xestión educativa do departamento de Román Rodríguez pero, no que ten a ver coa xestión dos recursos humanos, son o mellor exemplo de desleixo na cobertura das vacantes. Esta mañá había 108 prazas sen cubrir no corpo de Profesorado de Ensino Secundario, das cales 72 eran de especialidades de FP e 8 no corpo de Profesorado Especialista dos Sectores Singulares de FP. É dicir, en total 80 das 116 vacantes pendentes pertencen a estas ensinanzas. Arredor de 25 levan subidas á aplicación da Consellaría desde antes de que comezara o curso o día 9, polo que a falta de atención que sofren estas ensinanzas por parte da Consellaría é máis que evidente. A CIG-Ensino defende insistentemente na negociación do calendario escolar que o curso non pode comezar o mesmo día na FP que nas etapas obrigatorias, e máis tendo en conta que o prazo de matriculación continuou aberto até o pasado venres, 25 de setembro. A Consellaría, absolutamente insensíbel a unha demanda do profesorado que lle permitiría unha mellor organización, prefire sen embargo que comece o curso aínda que sexa sen o persoal necesario e resúltalle indiferente que se perdan tres semanas ou máis de clase.
Entre as especialidades con máis vacantes pendentes figuran 7 de Procesos de Xestión Administrativa, 6 de Sistemas e aplicacións informáticas, 5 de Sistemas electrotécnicos e automáticos e de Mantemento de Vehículos, 4 de especialistas de Formación para a Mobilidade Segura e Sustentable, de Técnicas e procedementos de imaxe e son, de Instalacións electrotécnicas, de Sistemas Electrónicos, de Organización e proxectos sistemas enerxéticos, de Procedementos de diagnóstico clínico e ortoprotésico, de Procesos Comerciais e de Procedementos de diagnóstico clínico e ortoprotésico, 3 de Equipos Electrónicos, de Instalacións e mantemento de equipos térmicos e de fluídos, de Operacións de Produción Agraria e de Organización e proxectos de fabricación mecánica e, por último, 2 de Máquinas e Servizos de Produción, de Informática, de Oficina de Proxectos de Construción, de Operación de Procesos e de Procedementos sanitarios e asistenciais.
En canto aos centros os que máis número de persoal teñen sen cubrir son o CIFP Universidade Laboral de Culleredo (4 vacantes) e o CIFP Portovello (Ourense), o CIFP Fontecarmoa (Vilagarcía), o IES Ricardo Mella de Vigo, o IES Perdouro (Burela), o IES Sanxillao (Lugo) e o CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo (3 en cada un).
Alén destas 80 vacantes comunicadas polos centros e aínda pendentes de cubrir, a CIG-Ensino ten constancia doutras moitas que ou ben a aplicación non permite cargalas, como algunhas medias xornadas, ou son borradas porque a Consellaría entende que son de escasa duración, o que obriga aos centros a incluír nas observacións que se prevé que se alonguen no tempo. A CIG-Ensino é consciente de que o traballo de fiscalización das vacantes que están sen cubrir levará, máis cedo que tarde, a que a Consellaría censure esta información pública coa escusa da protección de datos e da posta en marcha da aplicación para o chamamento das substitucións, que se prevé a partir de xaneiro logo de ser anunciada hai máis de un ano.
Aforro de persoal
Este curso ademais están a producirse numerosas incidencias en centros derivadas da supresión dalgunha oferta formativa que, en aras de garantir que o alumnado poida continuar estudos, está sobrecargando de traballo ao profesorado. É o caso do CIFP Ánxel Casal da Coruña onde despois de suprimir un dos ciclos de distancia de Educación Infantil hai docentes que superan amplamente a matrícula de 50 estudantes por módulo para dar cobertura a quen quedaba fóra inicialmente. Ou no CIFP Politécnico de Santiago que, após a eliminación do ciclo de Sistemas de Telecomunicacións e Informáticos a distancia (deixando sen a posibilidade de cursar esta modalidade en toda Galiza), o alumnado foi recolocado nun ciclo de dual pero mantendo a posibilidade de non asistir presencialmente a clase. Isto xera para o persoal docente que teña que atender ao mesmo tempo a alumnado de dous tipos de oferta diferentes, de dúas modalidades diferentes e de dous réximes diferentes.
Estas situacións derivan da arbitrariedade coa que a Dirección Xeral de FP actúa a respecto da oferta formativa e da matrícula nos ciclos. Mentres que no caso da FP Dual e das formacións aceleradas mantén a oferta aínda que a demanda de alumnado sexa moi escasa e non chegue ao mínimo estabelecido con carácter xeral (8 estudantes nas vilas e 12 nas cidades), noutros casos decide a supresión de ciclos que, de permitir que se esgotara o prazo de matrícula o día 25 de setembro, seguramente superarían ese límite mínimo necesario para ser ofertados. Especialmente preocupante foi a decisión este curso de reducir en tres os ciclos da familia profesional agraria (Ciclo Medio de Produción Agropecuaria no IES de Arzúa, Ciclo Básico de Agroxardinaría e Composicións Florais no IES Plurilingüe de Valga e Ciclo Básico de Agroxardinaría e Composicións Florais no IES Plurilingüe de Ames, este último no propio mes de setembro) cando o sector agroforestal é un dos prioritarios do Plan Conecta FP ao que tanto bombo lle deu a Consellaría.
Aínda na familia profesional agraria, este curso o Centro de Formación e Experimentación Agraria dependente de AGACAL que está a vulnerar os dereitos do persoal docente cedido por Educación é o de Guísamo. Malia que desde comezos de setembro o profesorado da Consellaría de Educación advertiu que se lle estaba a asignar un horario ilegal, que supera amplamente as 18 horas lectivas, chegando incluso ás 25 lectivas, e que era preciso solicitar dúas prazas docentes a maiores, a dirección mantivo esa organización e non subiu as vacantes á aplicación da Consellaría. As disfuncións orzamentarias que nos últimos anos existen entre Medio Rural e Educación sobre quen asume os salarios destes docentes non poden implicar que se estea a producir unha discriminación do persoal de Educación destinado en Guísamo a respecto de calquera outro centro de Galiza. As titorías individuais e colectivas dos módulos a distancia son todas lectivas de acordo aos artigos 11 e 12 da Orde do 5 de novembro de 2010 pola que se establece, con carácter experimental, a ordenación da formación profesional inicial polo réxime para as persoas adultas nas modalidades a distancia e semipresencial. (DOG 11/11/2010) e AGACAL ten que cumprir a normativa autonómica que regula a formación profesional.
Por outra banda, o profesorado do Departamento de Informática do IES de Teis segue a estas alturas de curso agardando por unha solución á súa problemática. A non asignación horaria para o mantemento e soporte informático dos equipos do centro levou a que nestes momentos se acumularan xa máis de 80 incidencias técnicas que dificultan gravemente a actividade docente e afectan a máis de 1.700 usuarios, 700 ordenadores e a toda a infraestrutura de servizo no centro. Por este motivo convidan a toda a comunidade educativa a protestar todos os martes ás portas do centro ás 11:50 horas até que haxa unha solución.
A maiores, a CIG-Ensino ten constancia doutros tres centros nos que este curso tamén houbo recortes de horario para asumir as tarefas de mantemento e soporte dos equipos informáticos colocándoas nas horas complementarias non fixas. O sindicato non entende como despois dunha Resolución na que se modifica a xornada semanal para reducir o horario lectivo, en lugar de que haxa máis horas dispoñíbeis para a realización destas funcións, se determine que se leven a cabo fóra do horario de permanencia do centro prexudicando, en primeira instancia, ao alumnado e incidindo no bo funcionamento dos centros e, en segunda, ao profesorado implicado.
Sobrecarga de traballo derivada da nova normativa de FP sen recoñecemento profesional
Outra das queixas que traslada o persoal docente neste inicio de curso é a dificultade para levar a cabo a titorización do proxecto de fin de ciclo durante este primeiro trimestre que está desbordado polo traballo burocrático, entrega de programacións etc. Por outra banda, dase unha situación moi anómala despois de que este curso coincida alumnado de formación de modular e distancia na empresa do plan antigo que remata ese período en decembro e outro que remata en xaneiro, o do plan novo. O traballo das persoas titoras de segundo curso ou de grupo triplícase este curso, sen que a Consellaría aceptase incluír horario lectivo para a titorización dos proxectos nin sexa posíbel realizar as visitas ás empresas nas horas de permanencia no centro, nin sequera tirando das horas complementarias non fixas.
Ademais o profesorado tamén se atopou con dificultades técnicas na elaboración das Programacións en Proens, sobre todo á hora de modificar actividades con respecto ao curso pasado. A CIG-Ensino insiste en que debe haber unha avaliación continua desta plataforma para adaptala ás necesidades dos currículos e das ensinanzas de FP antes de que comece o curso.
Os CIFP á espera dalgunha mellora e sen Educalidade
Pola súa banda, o profesorado dos Centros Integrados de FP traslada as súas queixas arredor de que apenas notara ningunha mellora despois da Resolución pola que se modifica a xornada laboral semanal docente e insiste en que hai que rematar coa discriminación que supón non ter unha compensación horaria pola maior duración das sesións nestes centros. Así mesmo, desde o inicio do curso a plataforma Educalidade non está activa, o que demostra que é absolutamente prescindíbel, tal e como defende a CIG-Ensino dentro do plan para eliminar a burocracia inútil que ten ao profesorado atenazado e que ademais, neste caso, permitiría tamén reducir o gasto público da contratación externa das auditorías.
Por último, o sindicato lembra que a Consellaría segue sen atender outra reclamación básica: a eliminación das desigualdades salariais entre os tres corpos de profesorado que imparten na Formación Profesional e que desempeñan o mesmo traballo. Esta equiparación xa está en vigor noutras catro comunidades autónomas (Euskadi, Catalunya, Baleares e Asturias) e sitúa ao profesorado especialista de sectores singulares da FP galego en situación de discriminación ao respecto do resto do Estado.

