Milleiros de persoas reclaman en Compostela "poder vivir en galego día a día"
O galego apenas conta co 33% de presenza horaria no ensino obrigatorio fronte ao 75% da que goza o catalán, aínda nestes intres con sentenzas contrarias ao seu fomento.
A marcha, que transcorreu con ambiente festivo e reivindicativo, estivo pragada de referencias á dificultade para poder desenvolver a vida cotiá en galego: prohibición de impartir en galego as materias científicas, atención telefónica ou comercial nas empresas, tramitacións administrativas... Nas intervencións do acto final celebrado na Quintana, o voceiro da plataforma Queremos Galego, Marcos Maceira, acusou a Feijoó de estar aplicando un 155 lingüístico e lembrou que "o galego está ferido, pero está vivo grazas á vontade das persoas que cada día o usan en todos os contextos sociais e laborais".
Unha manifestación multitudinaria volveu percorrer as rúas de Compostela, convocada pola plataforma Queremos Galego, para esixir a normalización real da nosa lingua e recoñecer as persoas que cada día a empregan en todos os contextos malia os atrancos existentes. O voceiro deste colectivo, Marcos Maceira, lamentou que sexa precisamente a Xunta de Galiza, á que lle correspondería velar pola súa protección e prestixio, "a que estea aplicando na práctica un artigo 155 cunha batería de normas que o relegan a unha lingua minoritaria". Neste sentido lembrou que é o único dos idiomas oficiais do Estado que está perdendo falantes e que carece de apoio do seu goberno.
Neste sentido, cómpre lembrar que no ensino segue a manterse o Decreto de Plurilingüismo que impide que se impartan en galego as materias científicas e limita a súa presenza ao 33% do horario total, case en igualdade de condicións que o inglés. Ademais, nalgunhas etapas educativas como Infantil ou Formación Profesional a ausencia de materiais e recursos didácticos na nosa lingua é unha realidade á que a administración non busca poñer solución.
Fronte á hostilidade da administración, Marcos Maceira salientou na súa intervención que existe unha sociedade que actúa día a día para repor e normalizar a lingua a través de centos de colectivos e entidades e asegurou que son moitas as persoas que sen falar galego aspiran a vencer as barreiras de todo tipo que lle impeden o mínimo de seguridade precisa para facelo e que demandan mudanzas que faciliten a súa instalación na lingua propia de Galiza.
Propaganda fronte ao día a día
Marcos Maceira denunciou tamén a política de propaganda do goberno galego co anuncio dun novo Plan, esta vez para a mocidade, e instou a Secretaría Xeral de Política Lingüísitica e o Presidente Feijoó, a comezar por eliminar as prohibicións de uso do galego e a súa consideración como lingua estranxeira no ensino.