Milleiros de estudantes de arredor de 180 centros e 12 localidades: "co galego no corazón fíxose a revolución"

Rematou a 26 edición da festa das festas reivindicativas pola lingua na que maior número de alumnado participa cada ano en Galiza e fíxoo demostrando que hai futuro para o galego e que a cativada e a mocidade amosan o seu orgullo por falalo e defendelo.

Houbo carreiras, animación, música, concursos, manifestos... pero sobre todo convivencia e compromiso coa nosa lingua. A vitalidade do galego quedou de manifestou un ano máis nunha edición do Correlingua que deu por rematadas no mes de maio unha chea de actividades desenvolvidas ao longo do curso para a súa preparación: obradoiros de creación literaria para a elaboración do manifesto, o concurso Crealingua, o certame Cantalingua... Milleiros de nenos e nenas e de mozos e mozas, desde infantil até a Formación Profesional, correron, bailaron, cantaron e berraron polo galego en 12 localidades do país: A Coruña, Lugo, Santiago, Narón, Ourense, Pontevedra, Vigo, Moaña, Ribadeo, Lalín, A Estrada e Monforte.

O lema deste ano do Correlingua "Co galego no corazón facemos a revolución" fíxose máis realidade ca nunca ao longo do mes das nosas letras. Nun momento de especial dificultade pola perda de falantes e de competencia na nosa lingua, especialmente entre a poboación en idade escolar, esta iniciativa serviu para demostrar que hai compromiso presente e aposta de futuro polo galego dentro e fóra das nosas aulas. Nesta edición houbo sobre todo moita emoción e traballo detrás por parte de profesorado e alumnado que elaboraron multitude de material reivindicativo e lúdico para achegarse ás 12 localidades nas que se celebraron as marchas e festas finais. Camisetas, cartaces, faixas, pintadas, cancións... Moita creación artística arredor do galego que ateigou as rúas e visibilizou que a infancia e a mocidade do noso país teñen dereito a vivir en galego en todas as súas dimensións. 

Nesta edición participaron diversos grupos e artistas musicais que protagonizaron os concertos finais e que tamén contribuíron a normalizar o uso do galego entre o público infantil e xuvenil como Sniff and Crash, Mekánica Rolling Band, Música Miúda, Zeltia Irevire, Cuarta Xusta ou Paco Nogueiras, entre outros, así como os actores Fran Rei e Isabel Risco que exerceron de condutores e animadores das festas. A edición deste ano foi moi participativa e xa están en marcha os obradoiros para crear o manifesto do curso que vén.

Correlingua é unha iniciativa da CIG-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega que naceu para reivindicar de forma lúdica o uso do galego no ensino público non universitario e que 26 anos despois é máis necesaria ca nunca. Conta coa colaboración das catro Deputacións provinciais e dos Concellos das localidades nas que ten lugar, dado que a lingua é patrimonio de todos e todas e corresponde ás institucións e ao sistema educativo galego normalizala e preservala.

Desde a CIG-Ensino agrademos un ano máis a participación activa e o entusiasmo da rapazada e por suposto do profesorado que traballa durante todo ano para reverter a situación de emerxencia lingüística actual tendo en conta o seu papel de referente fundamental para afianzar o uso do galego nas aulas.

Volver