Miles de persoas proclaman que “Non queremos ser estranxeiras na nosa Patria. Queremos galego!”
A climatoloxía invernal non impediu que a marcha fose masiva porque, como se coreou en numerosas ocasións, “aínda que se molle o galego non encolle”
Todo parecía indicar, á saída da manifestación, que esta sería masiva. A duración do percorrido e a interminábel ringleira de persoas que ocupaban as principais rúas de Compostela constatábano e a Quintana ateigada até a Berenguela confirmaban que, definitivamente, a mobilización convocada pola Plataforma ‘Queremos Galego’ volvía ser masiva. Nin a chuvia nin o frío deste inverno chegado de novo no mes de maio impediron que miles e miles de galegas e galegos se achegaran á capital de Galiza para demostrar que a lingua segue a ser un dos peares esenciais da nosa identidade como pobo e que non hai climatoloxía adversa abondo que impeda saír a defendela.
A anécdota curiosa viu da man da prensa. Durante o percorrido unha muller comezou a pasear polo medio da manifestación cunha bandeira do PP. Segundo se puido saber estaba contrataba por V Televisión. De feito, xornalista e cámara deste medio de comunicación acompañábana para recoller o momento. Non se sabe se o medio pretendía provocar un apupo xeneralizado das persoas manifestantes e converter este feito en noticia ou se se trataba dunha brincadeira. O certo é que non conseguiu nin enfadar, ni sorprender. Só indiferenza xeneralizada.
A actriz Isabel Risco foi a encargada de conducir o acto de remate desta data de celebración e reivindicación. Celebración, porque temos lingua e reivindicación porque queremos que sexa respectada. E así o lembrou na súa intervención Carlos Callón, que lamentou que para algúns o Día das Letras Galegas sexa só o 17 de maio, mentres para todas as persoas congregadas na praza e para outras miles e miles máis que non puideron achegarse á capital de Galiza, é todos os días do ano.
Callón lembrou o ataque sistemático que padece o galego no ensino. Un ataque que chega xa até os sinais de tráfico. Como exemplo sinalou os cambios das placas das autoestrada que até o de agora poñían “peaxe” e agora poñen “peaje”.
O portavoz da plataforma e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, en referencia a quen acusa ao nacionalismo de “patrimonializar” a lingua, convidou ao propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a patrimonializar tamén o galego.
Acusou aos medios de comunicación, nomeadamente aos públicos, TVG e Radio Galega, de agochar esta convocatoria, pero pediu un forte aplauso en recoñecemento ás e aos profesionais que están a denunciar a manipulación informativa e a censura que se exerce desde a Xunta a través da dirección do ente e dos servizos informativos.
E lembrou a Rosalía de Castro e, como non, a Roberto Vidal Bolaño, escritor, actor e autor de teatro homenaxeado nesta data polo seu inequívoco compromiso co galego, mais tamén pola súa valía e calidade humana.
Callón reclamou medidas que promovan o uso normalizado do galego porque, afirmou, “non queremos ser estranxeiras na nosa terra”.