Miles de escolares están a participar no Correlingua baixo o lema Galego, a chave do mundo

Chegou hoxe a Santiago de Compostela despois de pasar xa polas localidades de Ourense, Lugo, Pontevedra, Monforte, Silleda, Bueu, O Rosal, A Coruña e Ferrol

A edición 2013 do Correlingua -carreira pola lingua do alumnado de todos os ciclos educativos- chegou este martes 14 de maio ás rúas de Santiago de Compostela despois de pasar xa polas localidades de Ourense, Lugo, Pontevedra, Monforte, Silleda, Bueu, O Rosal, A Coruña e Ferrol.

O Correlingua está a contar coa participación do actor Pepe Penabade, que ao rematar a carreira foi o encargado de presentar, desde o palco da Alameda o acto final do Correlingua. Alí, dúas alumnas do CPI Ponte Carreira interpretaron un poema de Rosalía de Castro musicado por elas mesmas. Estudantes do Bacharelato de Artes do IES Antón Fraguas tamén interpretaron varias pezas adaptadas tamén por eles mesmos e foron os encargados de dar lectura o texto gañador do concurso de manifesto Correlingua 2013 -que nesta ocasión recaeu nos Golgorotos de 4º da ESO do IES A Pinguela de Monforte-. En todas as citas faise entrega tamén do premio de animación da marcha, que nesta ocasión levou o IES Xelmírez II por unha serpe xigante na que se podía ler o lema deste ano: Galego, chave do mundo.

No Correlingua de Santiago participaron tamén o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, e Paulo Filgueiras da Mesa que animaron ao alumnado asistente a usar o galego en todos os ámbitos da súa vida. O Correlingua é unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.

Mañá o Correlingua desprázase a Vigo e o xoves remata en Mondoñeado. A iniciativa está organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a Mesa pola Normalización Lingüística e os Concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense xunto coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Volver