Mañá novo "Mércores de loita" nos centros de traballo de atención a menores, discapacidade e infantil 0-3 anos
A acción desenvolvida polo persoal destes tres sectores pretende visibilizar as súas condicións precarias diante da sociedade para chamar a atención de Política Social para que intermedie na mellora das súas condicións.
A loita dos máis de 5.000 traballadores e traballadoras de atención a persoas con discapacidade, de protección de menores ou de reforma xuvenil e de escolas de primeiro ciclo de infantil privadas (tanto de xestión directa como indirecta) por dignificar a súa situación laboral trasladouse nas últimas semanas aos propios centros de traballo. Baixo o lema "PolíticaSocialenLoita" están a levarse a cabo diferentes mobilizacións e protestas para dar a coñecer a situación salarial, de ratios, de horario, de falta de persoal e de ausencia de dereitos que padece este persoal entre as familias e os propios usuario e usuarias destes centros, ademais de visibilizar socialmente que, malia soster tres servizos sociais esenciais, apenas cobran o SMI e non teñen apenas permisos nin licenzas para poder conciliar.
Despois do éxito de participación na caravana de coches levada a cabo o pasado 12 de febreiro arredor de San Caetano, o persoal dos tres sectores dedicados á atención de persoas dependentes de Política Social, están levando a cabo varias medidas de protesta para seguir reivindicando que a conselleira se reúna coas seis organizacións sindicais que o representan e intermedie coas patronais ou empresas para aplicar melloras salariais e laborais que permitan dignificar a súa profesión.
Mañá continúa unha semana máis a acción "Mércores en Loita" que consiste en que desde os propios centros de traballo se realicen concentracións con mensaxes reivindicativas nas que se amosa o día a día das súas condicións laborais. Ao longo deste mes de febreiro xa se foron realizando este tipo de iniciativas visualizándoas nas redes sociais e de cara á sociedade, como se pode ver na seguinte galería de imaxes:
A CIG-Ensino anima ao persoal dos centros de traballo que aínda non participou nesta acción a facelo mañá e compartir nas súas redes sociais e na canle de Youtube Persoal de Política Social o resultado desta acción. Ademais, en paralelo tamén se está a mover outra acción baixo o título "Petiscos de realidade" no que se detalla mediante vídeos e imaxes o día a día do persoal traballador.
Nestas accións de visualización empregaranse os cancelos:
#politicasocialenloita
#melloraslaboraisdiscapacidadexa
#melloraslaboraismenoresxa
#melloraslaboraisinfantil03xa
Novas relacionadas

