A CIG-Ensino esixe o cobro inmediato do «Complemento Equiparador Autonómico Galego» para o persoal de atención a menores e reforma xuvenil

Malia o a acordo asinado coa patronal Gafix hai 6 meses, a Consellaría de Política Social négase a acatar e a financiar este complemento que afecta a arredor dun milleiro de traballadoras e traballadores e rolda os 200 euros de media ao mes.

O sindicato nacionalista, xunto coa CUT, organizacións sindicais maioritarias no sector de protección da infancia e reforma xuvenil, poñen en marcha unha recollida de sinaturas reivindicativa nos centros de traballo e solicitaron a intercesión do Ministerio de Xuventude e Infancia.

Despois de pasados case seis meses desde que foi subscrito o Acordo retributivo específico do «Complemento Equiparador Autonómico Galego» pola patronal GAFIX e as organizacións sindicais CIG, CUT, CCOO e UGT, ao abeiro da disposición transitoria segunda do V convenio estatal e con rango de norma, o persoal traballador dos centros de menores segue sen percibir este complemento. A razón deste incumprimento está na negativa da Consellaría de Política Social, con competencia exclusiva neste sector, a acatalo e a cumprilo.

Ante este bloqueo, a CIG-Ensino xunto coa CUT, como organizacións sindicais maioritarias no sector, levarán a cabo unha recollida de sinaturas entre o persoal cos seguintes obxectivos:

1. Que a Xunta de Galicia amplíe o financiamento dos contratos, concertos e demais instrumentos dos recursos, programas e servizos incluídos no ámbito do acordo, para incorporar o Complemento Equiparador Autonómico Galego con efectos desde o 22 de maio de 2026.

2. Que se garanta o aboamento das contías devengadas desde o 22 de maio de 2026, incluídas as atrasadas, de modo que as entidades poidan facelas efectivas ás persoas traballadoras.

3. Que se adopten sen demora as medidas orzamentarias para 2027 e administrativas necesarias (modificación de módulos, addendas aos concertos ou outras que procedan) para garantir o seu cobro durante o vindeiro ano.

4. Que se informe aos sindicatos que canalizan este escrito do procedemento e do calendario previstos para o aboamento e se convoque, se é o caso, unha reunión da paritaria para concretalos.

Accede ao escrito de recollida de sinaturas nesta ligazón.

No caso de que a administración non acepte financiar o complemento facemos un chamamento á patronal GAFIX para que proceda a convocar a “comisión paritaria” do propio acordo e tomemos en conxunto as medidas legais oportunas contra a Consellaría.

Xuntanza co Ministerio de Xuventude e Infancia

Outra das medidas levadas a cabo pola CIG-Ensino e a Cut foi manter unha xuntanza co director de gabinete do secretario de Estado de Xuventude e Infancia, Jorge Barragán Ulloa, para soliciar que se interceda desde o Ministerio ante a Consellaría de Política Social. Durante o encontro, trasladóuselle o escrito reclamando este dereito que as dúas organizacións lle remitiran á anterior titular de Política Social, Fabiola García, co obxectivo de que a administración galega cumpra coa aplicación do V convenio de reforma xuvenil e protección de menores.

Na mesma xuntanza, Jorge Barragán, desmentiu os argumentos dados polos responsábeis de Política Social á patronal GAFIX: “dende a Xunta de Galicia non podemos aboar o acordo debido ao gasto que nos supón ter en acollida a centos de menores que nos mandan do Estado”, en relación, entre outras, á crise humanitaria de Ceuta. Segundo o cargo ministerial esta afirmación é totalmente falsa “dado que o Estado español vén de transferirlle á Xunta fondos económicos máis que suficientes para a atención destes menores e, polo tanto, non supuxo ningún gasto extra para a comunidade autónoma a súa recepción”.

A CIG-Ensino e a CUT reclaman que a Xunta de Galiza deixe de botar balóns fóra e que asuma dunha vez por todas as súas competencias nun sector que é de extremada relevancia social e do que dependen máis de 3.000 menores en situación de protección ou de reforma.

Volver