Material peches reivindicativos e martes en loita
A CIG-Ensino pon a disposición do profesorado material de difusión das mobilizacións de xaneiro e febreiro.
Ademais de animar a toda a comunidade educativa (alumnado menor de idade deberá ir acompañado por pai, nai ou titor/a legal) a participar nos peches que se van organizar en distintos centros de todo o país para, entre outras medidas, acordar novas accións reivindicativas, o martes 27 de xaneiro dan comezo os "martes en loita". Unha acción que pretende visibilizar no día a día dos colexios e institutos a necesidade de reducir ratios; de contar con máis persoal para atender a diversidade e con máis desdobres; de recuperar o horario lectivo; de reducir burocracia e de maior diálogo e negociación co profesorado. Para iso, ademais de vestir de negro tamén se pode elaborar cartelaría e outros materiais para empapelar os centros. Esta acción repetirase os tres martes antes do Entroido e o día 10 realizaranse concentracións en todos os centros de ensino portando mensaxes reivindicativas. Prégase que se compartan fotos e vídeos co correo galiza@cig-ensino.gal, ademais de nas redes sociais persoais e etiquetando ao sindicato.
Banda sonora das accións reivindicativas
O sindicato propón que se cante a versión da peza "O Galo" dos Campaneiros de Vilagarcía, que xa soou na manifestación do 17 de decembro diante de San Caetano. A peza pode ensaiarse durante os "martes en loita" e interpretarse o día 10 cando se celebren as concentracións nos centros como unha forma de homenaxe á nosa música tradicional, recoñecida o ano pasado polo Día das Letras e que, xunto co baile tradicional, veñen de seren declarados “Ben de Interese Cultural” pola Xunta. Mediante esta reivindicación tamén se estaría a esixir que o goberno galego se tome en serio o ensino público galego declarándoo “Ben de Interese XERAL" e dotándoo dos recursos necesarios para o seu bo funcionamento.
A CIG-Ensino considera que sería un acto de forte simbolismo cantar á vez desde todos os centros de ensino, como se di na peza, "conselleiro, rectifica, non estamos de farol, séntate a negociar ou continuamos coas mobilizacións... Esiximos a recuperación do noso horario lectivo, o recoñecemento da función docente, a redución das ratios, máis recursos para a atención á diversidade, a redución da carga burocrática e a mellora das nosas retribucións". Para iso pon a disposición do profesorado a partitura e a letra deste tema e agradece que se graven e envíen vídeos do momento no que se interprete para trasladarlle á Xunta de novo o sentir maioritario do profesorado.





