Marcha atrás parcial do Ministerio: confirma a creación dun novo corpo de FP para 10 especialidades

A medida fora anunciada pola Secretaria Xeral do Ministerio nunha reunión coa CIG-Ensino no mes de xaneiro como a opción máis viábel para remediar parcialmente o conflito creado polo propio goberno na reforma da LOMLOE

Nunha comparecencia no Congreso a ministra Celáa anunciou que na Lei Orgánica de Formación Profesional (LOPF) en trámite se vai dar marcha atrás parcialmente nunha das medidas máis controvertidas introducidas pola LOMLOE, creando un novo corpo de “Profesorado especialista en sectores singulares da Formación Profesional” con 10 especialidades que eran as principais afectadas pola extinción do corpo de PTFP.

 

As especialidades son: Cociña e pastelaría, Estética, Fabricación e instalación de carpintería e moble, Mantemento de vehículos, Mecanizado e mantemento de máquinas, Patronaxe e confección, Peiteado, Produción de artes gráficas, Servizos de restauración e Soldadura.

Esta decisión, pendente aínda de concretar no proxecto de Lei, suporía que as dez especialidades nas que actualmente se pode acceder a FP coa titulación de Técnico/a Superior de FP seguirían nas mesmas condicións, sen que se impida, como estaba previsto, presentarse con esas titulacións non universitarias ás oposicións. A medida non inclúe as demais especialidades do extinguido corpo de PTFP. Na maior parte delas xa non se podía acceder con titulación de FP, mais nalgunhas aínda estaban se completar as 4 convocatorias que se autorizaron transitoriamente coa creación do corpo de PTFP.

A CIG-Ensino considera que o Ministerio debe convocar de inmediato a Mesa Docente e evitar que a tramitación da LOFP siga o mesmo camiño que a LOMLOE, na que se evitou a negociación sindical de todo o relacionado co persoal docente de FP. A medida agora anunciada pode solucionar parcialmente un problema de enormes repercusións laborais mais deixa ao final a constancia dunha administración que o fixo todo mal desde o principio.

En todo caso, a CIG-Ensino agardará a coñecer o texto da rectificación confirmada pola ministra antes de facer unha valoración polo miúdo.

Tras meses de silencio e falta de negociación, confírmase a rectificación. 

Nunha reunión dunha representación da Executiva da CIG-Ensino coa Secretaria Xeral de FP do Ministerio, Clara Sanz, xa se lle adiantara ao sindicato como posíbel saída a que agora se vén de anunciar formalmente. Así, a Secretaria Xeral, despois de asumir o erro cometido coa conversión en profesorado especialista con contrato laboral de quen non tivese unha titulación universitaria, rompendo totalmente a organización dos actuais corpos docentes, avanzara que estaban “negociando con Función Pública as fórmulas que se poden artellar para garantir na nova Lei de FP que nas 10 especialidades docentes destas ensinanzas ás que se pode optar con titulación de Ciclo Superior de FP se poida seguir accedendo”.

A postura que xa daquela trasladou a CIG-Ensino, foi que se manteña a posibilidade de presentarse ás oposicións e de seguir sendo funcionarios e funcionarias a quen teñan titulación superior de Formación Profesional naquelas especialidades nas que hoxe en día xa están declaradas titulacións equivalentes a efectos de docencia.

A CIG-Ensino lembra que o Ministerio se comprometeu na Mesa Docente do 29 de abril a un debate monográfico sobre a situación do profesorado de FP. Desde esa data a primeira nova sobre o conflito do PTFP foron as declaracións da ministra polo que urxe que o Ministerio cumpra e se negocie todo o que garda relación co conxunto do agora declarado a extinguir corpo de PTFP.

 

Volver