Manifesto Sindical contra o anteproxecto de lei de medidas no emprego público

ESIXIMOS a inmediata retirada deste anteproxecto de Lei de medidas no emprego público

Os Servizos Públicos son os principais instrumentos que determinan o desenvolvemento e a calidade do Estado do benestar. Deles dependen a gratuidade, a calidade e a universalidade da educación, da sanidade e uns servizos sociais que atendan as persoas e desenvolvan a lei de dependencia. Satisfán as necesidades máis básicas da cidadanía en condicións de acceso universal, non discriminatorio e cun custo accesible, vertebran a sociedade e garanten a igualdade das persoas, asegurando unha maior cohesión social. Todas as medidas propostas, neste anteproxecto de Lei, supoñen un ataque brutal e inxustificado, dirixido, unha vez máis, ao conxunto dos empregados e empregadas públicos, medidas que, de aplicarse, condicionarán, aínda máis, o futuro dos Servizos Públicos en Galicia; en consecuencia, debemos rexeitar e rexeitamos todas e cada unha das medidas propostas en base ao seguinte decálogo. ​

Primeira: As medidas recollidas no Anteproxecto de Lei de Medidas no Emprego Público supoñen un severo retroceso nos dereitos laborais e sociais dos traballadores e traballadoras do sector público, dependente da Xunta de Galiza. Trátase dun anteproxecto lesivo para o Sector Público, para os empregados e empregadas públicos/as e para a cidadanía, pois supón unha degradación da imaxe pública dos traballadores/as, unha desvalorización da Administración Pública, unha mingua na calidade dos servizos prestados á cidadanía e a destrución de emprego.

Segunda: O goberno da Xunta fai recaer, unha vez máis, o custo da crise sobre os empregados e as empregadas públicos/as: os traballadores e traballadoras públicos/as sufriron unha diminución do salario real medio de máis do 13% nos últimos tres anos, a taxa de reposición aplicada na administración foi moi baixa, reduciuse emprego público pola vía das interinidades/substitucións e retrocedeuse severamente en dereitos sociais.

Terceira: As medidas presentadas supoñen un novo erro nas políticas adoptadas para saír da crise e só terán efectos negativos tanto sobre o conxunto da actividade económica, retraendo o consumo e o poder adquisitivo dunha parte da poboación, como sobre os servizos públicos reducindo o persoal e, polo tanto, a calidade dos servizos que se prestan. Consideramos as medidas propostas como un acto demagóxico para xustificar a política de recortes nos servizos públicos, practicada por este goberno, mentres que o gasto público e o malgasto se dispara en asesores políticos, asistencias técnicas e gastos suntuarios, sen que este goberno adopte medidas correctoras. Non se toman medidas contra a fraude fiscal nin se aplica unha política fiscal progresiva que grave máis as rendas de capital e que pague máis o que máis ten.  

Cuarta: Porque non se xustifican máis medidas de axuste. Desde hai tres anos, o Goberno galego reincide no recorte do gasto público como única vía de reducir o déficit público, sen que isto se traduza nunha recuperación da actividade económica. Non se pode seguir incidindo nas políticas de recorte de gastos. Galicia ten marxe e competencias para actuar en materia fiscal e obter máis ingresos para diminuír o déficit e non continuar desmantelando o Sector Público e recortando os dereitos laborais e salariais dos seus empregados e empregadas.  

Quinta: As medidas son discrecionais quedando, en moitos casos, ó arbitrio da Administración e provocan desigualdades entre os diferentes colectivos. Consideramos intolerábel que quen enferme pague, pois iso significa a detracción de parte das súas retribucións nesta circunstancia, para pagar a mala xestión e a dilapidación deste

Sexta: Non todas as actuacións propostas supoñen a suspensión temporal de normas ou preceptos, o que implica que, unha vez máis, se aproveita a escusa da crise para adoptar medidas de cambios estruturais no emprego público baixo a aparencia de medidas conxunturais. Consideramos discriminatorio que o persoal temporal ou interino poida ver reducida nun terzo a súa xornada e retribucións, mentres o seu traballo pode ser feito por empresas privadas.

Sétima: Unha boa parte das actuacións teñen como finalidade a redución do emprego público, a ampliación da xornada ou a aposta pola xubilación do persoal que traerá consigo a amortización de postos de traballo. Oitava: Vulnera o dereito á negociación colectiva na Administración Galega e no sector público autonómico, derrogando convenios e modificando unilateralmente o V Convenio Colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia. Novena: Reduce o salario dos empregados e empregadas públicos/as, xa que recorta prestacións sociais que son salario diferido. Décima: Estas medidas non garanten que non poidan vir novos recortes dos Presupostos Xerais do Estado.  

Por todo isto, ESIXIMOS a inmediata retirada deste anteproxecto de Lei de medidas no emprego público.  

23  de febreiro de 2012

Asinan este manifesto e accións realizadas : CIG, CCOO, CSI-F ,UGT

Adhirense: FSP-USO,  SATSE , SAE, CGT e STAJ

Volver