Mañá terá lugar outro "Mércores de loita" nos centros de traballo de atención a menores, discapacidade e infantil 0-3 anos, previo á concentración do 8 de abril en Ourense

As accións desenvolvidas polo persoal destes tres sectores, baixo o lema "PolíticaSocialenLoita" pretendn visibilizar, unha vez máis, as súas condicións precarias diante da sociedade para chamar a atención da conselleira Fabiola García.

A CIG-Ensino anima ao persoal dos centros de traballo que aínda non participou nesta acción a facelo mañá e a compartir nas súas redes sociais e no correo unitario das tres organizacións sindicais politicasocialenloita@gmail.com as imaxes nas que se amosen as súas principais reivindicacións. Ademais, en paralelo, tamén se está a mover outra iniciativa baixo o título "Concienciación Social" a través da cal se detalla en vídeos e imaxes o día a día do persoal traballador e que compartimos nesta canle de Youtube.

Mañá continúa, unha semana máis, a acción "Mércores en Loita" que consiste en que desde os propios centros de traballo se realicen concentracións con mensaxes reivindicativas nas que se amosen as condicións laborais, precarias e inxustas nestes tres sectores de especial relevancia social. Ao longo destes meses, febreiro e marzo, xa se foron realizando este tipo de iniciativas visualizándoas nas redes sociais e de cara á sociedade, como se pode ver na seguinte galería de imaxes.

A CIG-Ensino sempre defendeu que o camiño para acadar avances son as mobilizacións, como se acaba de comprobar co Acordo asinado no sector de menores a semana pasada dun “Complemento retributivo equiparador autonómico galego”. Esta mellora reforza ao persoal da atención e protección de menores para seguir na loita, e supón un exemplo para os outros dous sectores, discapacidade e infantil 0-3. O compromiso das tres organizacións que manteñen as mobilizacións, CIG, CUT e SNEP é reivindicarlles o camiño a seguir ás correspondentes patronais e Asociacións que xestionan estes centros na Galiza (asistenciais, de emprego e educativos, atención temperá 0-6 e escolas infantís 0-3), para acadar tamén melloras laborais e salariais, coa finalidade de lograr nun futuro convenios galegos dignos e xustos en cada sector., negociados aquí e non en Madrid.

Nas accións de visualización prégase empregar os seguintes cancelos para acadar maior difusión:

#politicasocialenloita

#melloraslaboraisdiscapacidadexa #conveniogalegodiscapacidadexa

#melloraslaboraismenoresxa #conveniogalegomenoresxa

#melloraslaboraisinfantil03xa #conveniogalegoinfantil03xa

#conveniosgalegosxa #discapacidade #menores #infantil03

 

Volver