Máis módulos, máis alumnado por docente e máis carga de traballo. Así é a FP do curso que vén

Na Mesa Sectorial na que se ía debater o Decreto Galego de FP finalmente só se abordaron as Instrucións sobre a ordenación dos Graos D e E de FP para o curso 25/26, das que se derivará unha redución do profesorado se non se recuperan as 18 horas lectivas

A entrada en vigor en 25/26 da reforma de FP no segundo curso dos ciclos ordinarios e en toda a oferta modular vai significar que o profesorado destas ensinanzas teña que impartir moitos máis módulos, ao reducirse a carga horaria dos xa existentes, polo tanto terá un maior número de grupos e de alumnado que atender, así como novas tarefas engadidas, ao sumarse a busca e selección das empresas e o seguimento da formación nas mesmas e a titorización e avaliación dos módulos de Proxecto intermodular.

A redución da carga horaria, que será máis evidente nos CIFPs pola maior duración das sesións, levará a un escenario totalmente novo para o colectivo docente de FP que terá que impartir como mínimo 5 ou 6 módulos diferentes e que, no caso do profesorado de FOL e de Inglés poderá chegar até os 9-10 grupos. A reordenación dos currículos supón a redución de 1 hora para IPE II con respecto a EIE e doutras 3 aos módulos profesionais para meter os novos módulos:

Dixitalización aplicada ao sistema produtivo. 30 horas en total, 1 semanal.

Habilidades comunicativas en lingua estranxeira. 60 horas en total, 2 semanais.

Afondamento en competencias profesionais. 30 horas en total, 1 semanal.

A CIG-Ensino considera que se vai producir un importante deterioro das condicións laborais do persoal docente de FP e unha merma na calidade educativa dado que a formación no centro dos módulos de segundo curso fica reducida case á metade.

As instrucións máis incompletas no curso máis decisivo

Sobre o texto das instrucións de ordenación e organización dos Graos D e E para o vindeiro curso que se debateron na Mesa Sectorial, a CIG-Ensino critica a pouca concreción en moitas das cuestións que lle preocupan ao profesorado, a respecto da falta de atribución horaria para as titorías do Proxecto intermodular, así como para a xestión das 400 e 500 horas obrigatorias de formación na empresa que terán os CB, por un lado, e os CM e CS por outro, a improvisación sobre o módulo optativo Afondamento nas competencias profesionais, do que se desprende que cada departamento terá que facer o currículo durante o verán, e unha aposta desmesurada polo inglés, que leva a que se potencie este idioma moi por riba do que o fan o resto de comunidades, incorporando tamén en segundo 60 horas de optatividade no módulo Habilidades comunicativas en linguas estranxeiras e detraendo dúas horas aos módulos profesionais. A CIG-Ensino presentou unha proposta para darlle encaixe a este móudulo como complemento formativo fóra das 2000 horas dos ciclos e propuxo a ampliación destes ao máximo legal permitido, un 10% no caso do réxime xeral e un 40% no dual intensivo.

No texto non hai ningunha referencia á FP básica nin ás formacións aceleradas, malia ser as apostas estrela da Consellaría para o vindeiro curso. Non se indica ningún cambio nos currículos de segundo dos Ciclos Básicos nin como se vai artellar a docencia, titoría e xestión da formación na empresa destas novas formacións modulares, respectivamente.

A CIG-Ensino critica que as organizacións sindicais que representan o profesorado sexan as últimas en ter coñecemento destas instrucións e insiste na falta de diálogo da Dirección Xeral de FP

Toda a información da Mesa Sectorial co resumo das principais novidades destas instrucións e o contido íntegro da intervención da CIG-Ensino nesta ligazón.

O borrador do Decreto galego de FP debaterase o vindeiro 27 de xuño.

Volver