Máis mentiras e manipulacións de La Voz de Galicia

Imputa á CIG a postura que a eles lles interesa

Reproducimos o comunicado do Secretario Nacional da CIG-Administración e do Secretario da sección da CIG-Autonómica para responder as calumnias publicadas o día 6 de febreiro
La Voz de Galicia imputa á CIG a postura que a eles lles interesa

Diante do novo capítulo da campaña de difamación que vén levando a cabo La Voz de Galicia, vémonos, outra vez, na obriga de saír a denunciar as calumnias que se propagan contra os traballadores e traballadoras do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e que obedece a escuros intereses políticos do devandito xornal:
1º Insistimos en que o xornal non pode decidir quen representa á CIG nin aos traballadores/as dos diferentes centros de traballo. As posturas persoais son lexítimas, pero son persoais. A Xunta de Persoal á que se refiren, como tal, na súa reunión ordinaria non tratou este tema nin se consultou ao conxunto das delegadas e delegados alí representados sobre o asunto e, aínda que así fose, non lle compete pronunciarse sobre unha cuestión que afecta a outros traballadores que teñen os seus propios órganos de representación. Persoas que se teñen presentado en candidaturas da CIG para unhas determinadas funcións (representar os traballadores dun sector concreto) non poden arrogarse a representatividade da federación nin da central no seu conxunto e, moito menos, para representar a outros traballadores/as que teñen elixidos os seus propios representantes. É como se o comité de empresa de CITROEN opina sobre o convenio de FROIZ.
2º A CIG-Administración e a CIG-Autonómica xa teñen expresado, reiteradamente, cal é a súa postura ao respecto, favorábel á convocatoria de prazas do Consorcio, e as razóns polas que apoiamos o dito proceso. Argumentos que, unha e outra vez, son censurados polo devandito xornal que segue sen poñerse en contacto con nós para coñecer a verdadeira postura da central sindical. Por iso, non imos reiterar os argumentos, aínda que somos conscientes que unha campaña deste tipo non ten nada que ver coas cuestións concretas do proceso selectivo, senón que ten un obxectivo político do diario para o cal o de menos é a verdade dos feitos.
3º Por iso, non debe sorprender a ninguén que se sigan a publicar falsidades sobre este asunto ás que non imos contestar continuamente –cousa inútil por outra parte, pois van ser censuradas- e, en calquera caso, debe quedar claro que a única postura da CIG como tal sindicato e a da  federación da Administración e da CIG-Autonómica é a manifestada polas persoas autorizadas que son os seus portavoces.
 
Asdo. Xosé Carlos Crespo (Secretario Nacional de CIG-Administración)
Asdo. Manuel Gallardo Canitrot (Secretario Nacional do sector da CIG-Autonómica)

Volver