Máis dun cento de delegados/as da CIG-Ensino dos sectores de “atención e formación ás persoas”: discapacidade, menores e infantil 0-3 concentráronse diante de Política Social

De non ser recibidos pola conselleira Fabiola García e non acadarse compromisos reais neste mes de setembro para rematar coa precariedade e avanzar na negociación de convenios galegos, convocaranse mobilizacións en outubro non desbotando folgas.

O número de persoal afectado supera os 5000 distribuídos en máis de 500 centros de traballo por toda Galiza. Todos e todas eles teñen en común convenios estatais nos que se manteñen salarios por debaixo do SMI e ratios insostíbeis, que non inclúen dereitos laborais por riba do Estatuto dos/as Traballadores/as e que aínda por riba non se beneficiarán das subas salariais pactadas até que as empresas renoven os pregos de contratación coa administración, ao ser estar estes servizos maioritariamente privatizados.

Esta mañá tivo lugar diante da Consellaría de Política Social en Compostela unha concentración dun cento de delegados/as da CIG-Ensino dos sectores de “atención e formación ás persoas”: discapacidade, menores e infantil 0-3, que decidiron o pasado día 9 en asemblea facer fronte común para esixirlle á conselleira Fabiola García ser escoitados e atendidas as súas reivindicacións e as acordadas coas patronais dos distintos sectores.

Esta xuntanza foi solicitada por todas as vías posíbeis, incluídos peches en San Caetano, e leva sendo ignorada pola conselleira nalgún dos sectores dende decembro de 2023. Para o responsábel de Ensino Privado da CIG, Henrique García “esta actitude non debería permitirse nun cargo público. Fabiola García ten que deixar as fotos e a propaganda baleira e poñerse a buscar solucións ás problemáticas destes sectores e ás reivindicacións do seu persoal traballador. Estamos diante dunha Consellaría que é unha autentica fábrica de conflitos, pois se xa os ten abertos nos “coidados”: dependencia, maiores e SAF, con varias folgas convocadas, parece que pretende abrilos na discapacidade, menores e infantil” Neste sentido lembrou que estes tres son servizos sociais esenciais públicos pero que están maioritariamente xestionados por empresas privadas ou entidades sen ánimo de lucro. “En calquera caso -aclarou-, dependen directamente desta Consellaría ao ser subvencionados uns, os xestionados por asociacións sen ánimo de lucro (discapacidade e menores fundamentalmente) e outros ser gratuítos (infantil 0-3) e que a Xunta vende como pioneiros”.

A realidade destes sectores, nos que a CIG-Ensino é maioritaria en cada un deles en Galiza, é que comparten convenios estatais precarios, carentes de negociación e que van até 2028 ou 2029. Ademais, despois de tres anos de “negociación” e salarios conxelados e por debaixo do SMI, acabáronse asinando neste ano prórrogas dos anteriores convenios que foran denunciados incorporando só adaptacións legais ao articulado por imperativo legal e subas nas táboas salariais moderadas que na maioría dos casos poden non cobralas os e as traballadoras até o remate de vixencia dos novos convenios. García explicou que esta situación responde a que “estes incrementos só se aplicarán a traballadores/as das asociacións ou empresas que asinaran novos contratos, pregos ou concertos sociais coas administracións despois de publicados os convenios colectivos estatais no BOE. No caso de Galiza, a maioría deses contratos, pregos ou concertos sociais xa se asinaron antes, polo que até 2029 moitos dos 5000 traballadores e traballadoras que conforman o persoal destes sectores no noso país non verán nin unha soa mellora nos seus salarios e este é un dos motivos polos que é preciso negociar convenios galegos adaptados”.

Henrique García

García lanzou un ultimátum á conselleira. “Se non nos recibe e non se acadan avances reais, tanto coa administración como coas patronais, anunciaranse mobilizacións máis contundentes no mes de outubro, no que se van dar a coñecer os orzamentos da Xunta para 2026, non descartando a convocatoria dunha folga nos tres sectores”. Neste sentido lembro que entre os tres suman 5000 traballadores/as (máis de 2000 en discapacidade, arredor de 1000 en menores e máis de 2000 en infantil 0-3). “Por suposto, esas posibles convocatorias de mobilización serán abertas a todas as organizacións que compartan estas reivindicacións xustas e lexítimas”, salientou.

A precariedade en primeira persoa en servizos sociais públicos esenciais
Ana Rodríguez

Para Ana Rodríguez, delegada e educadora nunha escola de Arteixo “son totalmente abusivas as ratios reguladas no Decreto 329/2005 (8 nenos/as até 1 ano; 13 de 1 a 2 anos e 20 de 2 a 3 anos) cando a Rede de Atención á infancia da Comisión Europea recomenda 4, 6 e 8 respectivamente, ou mesmo contar coa parella educativa como ten a Xunta nas escolas públicas da Galiña Azul ou da Axencia Galega”. Tamén reivindicou “o dereito a un calendario escolar que nos permita a conciliación da nosa vida laboral e familiar, da cal carecemos, e poder gozar de permisos e licenzas que superen os básicos recollidos no Estatuto dos/as Traballadores/as”. Por último, explicou a precariedade salarial e laboral na que desempeñan o seu traballo e que “soportamos por vocación e profesionalidade, pero que non nos dá para pagar as facturas. Somos traballadoras pobres, segundo a Carta Social Europea, pois levamos desde o ano 2021 cobrando o SMI e moitas compañeiras incluso están por debaixo desta cantidade”. No referente á xornada laboral manifestou que “esta non remata ao finalizar o noso traballo na escola, toda ela con atención directa e 38h. semanais, senón que temos que programar, preparar material e organizar as clases fóra dese horario e de xeito non remunerado”.

Marcos García

Para Marcos García, presidente do comité do centro de reeducación de menores Concepción Arenal da Coruña, “é urxente investir nestes centros sen ánimo de lucro e que a conselleira se implique (como tamén lle esixen as patronais galegas) na negociación dun convenio galego digno, o único camiño dunhas mellores condicións laborais, salariais e sociais, así como dun mellor servizo de calidade aos usuarios e usuarias. Hai pouco coñecemos a tráxica nova dunha educadora asasinada en Estremadura que nos sacudiu a todos e todas como sociedade. Estes feitos afortunadamente son illados pero hai que poñer todos os medios para que non se produzan. É obriga da administración velar pola protección e seguridade tanto do persoal traballador dos arredor de 80 centros que existen en Galiza, nos que se atenden maioritariamente a menores vulnerábeis pero tamén a aqueles que cumpren internamento tras a comisión de diversos tipos de delitos, que son 4 en toda Galiza, un deles precisamente o de Monteledo”. 

As ratios persoal/educador que ten que atender quendas de 24 horas por usuario son moi altas. “Hai que ter en conta que en moitos centros os usuarios e usuarias teñen idades moi dispares, con necesidades tamén moi diferenciadas, con trastornos de conduta, discapacidade e na práctica totalidade dos casos unha situación moi vulnerábel desde o punto de vista social e familiar. É inviábel garantir unha boa atención coa escasa achega económica que teñen estes centros, dado que cada neno ou nena, ou cada mozo ou moza precisa antes de nada a estabilidade do seu persoal e iso só se garante con condicións dignas. Este traballo é moi vocacional pero moi duro, de aí que non poida abusarse desa vocación porque senón abandónase rapidamente”, engadiu. Denuncia tamén que faltan recursos materiais e humanos, a revisión e a mellora da maioría das instalacións actuais, a creación de novas prazas e que se atendan as reivindicacións do persoal traballador, máis ante a inminente falta de persoal para contratar que se están atopando as Asociacións e Federacións sen ánimo de lucro que xestionan indirectamente este tipo de centros e a fuga do seu persoal cualificado. “Non se pode permitir que por facer o mesmo traballo nun servizo público esencial, que debería xestionar a administración, haxa entre 500 e 800€ de diferencia salarial mensual entre persoal de xestión pública e externa, ademais de diferencias nas condicións laborais: de xornada, ITs, permisos e licenzas, dereitos sociais...; así como outros referidos a ratios abusivas, escasos recursos, falta de materiais, non cobertura de baixas nin das necesidades mínimas de persoal, instalacións en malas condicións...”, enumerou Germán Estévez. 

Samuel García

Segundo o delegado Samuel García de Aspronaga, no sector da discapacidade as reivindicacións “van na liña dos/as compañeiros/as de menores e infantil porque o noso convenio pouco máis regula que o recollido no Estatuto dos Traballadores/as (E.T.), tendo unha enorme precariedade en dereitos laborais, sociais e salariais. A modo de resumo temos un enorme abuso nas xornadas laborais pola desregularización das mesmas, debido ás quendas e á bolsas de horas, á turnicidade, aos festivos e nocturnidade (que están moi mal retribuídos), provocando todo isto dificultades para a conciliación laboral e familiar. A perigosidade e penosidade non están recoñecidas tampouco malia que nalgúns casos atendemos a persoas que poden ter trastornos de conduta. A nivel salarial eliminóusenos a antigüidade (os trienios) e os salarios na maioría do persoal está por debaixo do SMI. Estamos a falar dun claro exemplo de precariedade laboral dun "servizo esencial", que fai que non se garanta a calidade e a seguridade, tanto para o persoal traballador como para os propios usuarios e usuarias, cun problema de exceso ratios e falta de profesionais (non hai persoal para cubrir as baixas polo pouco atractivo que é este traballo e no día a día para facer actividades ou mesmo cubrir servizos mínimos). Tamén destacar que non se dota aos centros de traballo de recursos materiais e didácticos axeitados e de instalacións dignas. Na comparativa salarial con persoal de centros públicos da administración, nunha mesma categoría, que fai o mesmo traballo, o soldo é de entre 500-700€ por enriba... sen mencionar condicións laborais e sociais, pois a diferencia con respecto do persoal dos nosos centros, xestionados por Asociacións sen ánimo de lucro, é moito maior, porque temos o básico que regula o Estatuto dos Traballadores e practicamente nada máis”.

Principais reivindicacións dos sectores

a) Sector Discapacidade (arredor de 200 centros e máis de 2.000 traballadores/as)

-Aplicar os incrementos salariais recollidos no XVI Convenio Estatal xa por parte da administración, que o está a demorar.

-Constituír unha mesa tripartita (Consellaría, patronais e sindicatos maioritarios do sector) coa finalidade de dignificar salarios coa creación dun Complemento Salarial Autonómico, así como a negociación colectiva no ámbito autonómico doutras melloras laborais, no camiño de acadar no Consello Galego de Relacións Laborais o “I Convenio Galego de Discapacidade”.

Este é o sector máis avanzado nas negociacións no que se mantiveron xuntanzas no CGRLs coas patronais AEDIGAL e INRED

b) Sector de infantil 0 a 3 (arredor de 270 centros e máis de 2000 traballadores/as )

-Unificación das táboas salariais, en base á gratuidade da Xunta para todo o sector, confluíndo todas as táboas nas tipo A) de Xestión Indirecta para xaneiro de 2026.

-Creación da patronal ou patronais do sector ao contar só coa asociación AGADEI e con numerosas empresas moi atomizadas.

-Abrir a negociación colectiva no CGRLs, previa creación da patronal, e acadar o “I Convenio Galego de Infantil etapa 0-3”.

c) Sector de Menores (arredor duns 80 centros con máis de 1000 traballadores/as)

-A aplicación de forma inmediata, a todo o persoal traballador e desde xaneiro de 2026, das táboas salariais aprobadas no V Convenio Estatal, sen agardar a que se adxudiquen novos concursos, contratos ou concertos.

-O recoñecemento dun complemento autonómico.

-A homologación salarial nas mesmas categorías entre o persoal que está nos distintos tipos de centros.

-Abrir a negociación colectiva no CGRLs coas patronais AGACEME e GAFIX e acadar o “I Convenio Galego de Menores”.

Volver