Máis de milleiro e medio de estudantes reivindican na Estrada o galego como lingua viva

Nunha das edicións máis multitudinarias dos últimos anos, alumnado procedente de 12 centros da Estrada, Cuntis, Lalín e Forcarei volveron percorrer as rúas da Estrada en defensa do uso do galego.

A festa final estivo ameninazada pola cantante Pauliña, docente tamén de Lingua no ensino público galego.

Edición moi participativa e moi reivindicativa. Numerosas pancartas, carteis, roupa customizada... déronlle especial protagonismo visual a esta 25ª edición do Correlingua na Estrada, unha localidade na que sempre hai unha ampla resposta a esta actividade organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino. Entre as mensaxes que se podían ler  "O galego corre por nós", do CEIP Pérez Viondi, "Camiñando pola nosa lingua. Correndo pola nosa terra" do IES Chano Piñeiro ou "En galego, somos galegos" do IES da Estrada. 

O percorrido dividiuse en dous, dependendo da idade do alumnado asistente, para ao final xuntarse todo na Praza do Concello e gozar do concerto da artista Pauliña, nun acto conducido por Fran Rei. Tamén durante a xornada se puido escoitar música tradicional interpretada polo propio estudantado, en homenaxe ás cantareiras que preservaron a nosa música popular este ano con motivo do Día das Letras.

Centros participantes

Participaron nesta ocasión o CEIP Pérez Viondi, o CEIP do Foxo, o CEIP de Oca, o CEIP Cabada Vázquez, o CEIP Manuel Villar Paramá, o CEIP Figueroa, o IES Avelina Valladares, o IES Manuel García Barros, o IES Antón Losada Diéguez, do Concello da Estrada, así como o CPI Aurelio Marcelino de Cuntis, o IES Chano Piñeiro Forcarei e o CEIP Xoaquín Loriga de Lalín.

A celebración desta edición do Correlingua foi posíbel grazas á colaboración do Concello da Estrada e da Deputación de Pontevedra. 

Volver