Máis de 80.000 persoas esixen en Compostela a fin do xenocidio e da ocupación en Palestina

A CIG convoca paros laborais baixo o lema "Tamén no traballo pararmos o xenocidio" para o vindeiro mércores, 15 de outubro.

As rúas de Compostela acolleron onte a resposta máis contundente da sociedade galega nestes dous anos de xenocidio en apoio ao pobo palestino. A marcha, na que se denunciaron tamén os 77 anos de ocupación e os ataques sistemáticos do goberno de Israel aos dereitos humanos, así como a inacción de boa parte da comunidade internacional, rematou ateigando a Praza do Obradoiro como nunca antes o fixera ningunha mobilización solidaria coa causa palestina.

A resposta da sociedade galega leva sendo combativa e exemplar durante estes dous anos de xenocidio perpetrado polo goberno sionista de Israel nomeadamente na Faixa de Gaza, pero sen cesar no hostigamento a outros territorios ocupados ou mesmo incluso contra a poboación que está desprazada e refuxiada en países limítrofes. Mais a manifestación celebrada onte polas rúas de Compostela supuxo un fito histórico tanto no que ten a ver coa asistencia como na implicación da participación das persoas asistentes. Foron miles quen portaron bandeiras, simboloxía palestina, faixas ou cartaces e miles quen berraron con forza “Dende o río até o mar, Palestina vencerá”, “O terrorismo é o sionismo” ou “Netanyahu asasino”, entre outras consignas.

Como non podía ser doutro xeito, a CIG participou activamente nesta manifestación como o vén facendo ao longo da súa historia a través da colaboración co movemento sindical palestino e, desde o inicio do xenocidio, hai agora dous anos, con múltiples accións de protesta e visibilización da barbarie perpetrada por Netanyahu e o seu goberno a través da Coordinadora Galega de Soliedaridade con Palestina. Cómpre lembrar que en maio deste ano acudiu como convidada especial ao 8º congreso da central nacionalista Soussan Taisser Abdel Salam, secretaria xeral da Unión Nacional de Xerusalén de Traballadores/as Palestinos/as e vicepresidenta da Federación Sindical Mundial (FSM).

Denuncia de dous anos de xenocidio planificado

Ao remate da marcha, nunha Praza do Obradoiro na que non cabía unha persoa máis, leuse n manifesto no que se fixo un repaso do acontecido até o de agora na Franxa de Gaza “para entender a perversa lóxica” deste xenocidio: “Comezaron chamándose vítimas a si mesmos e terroristas ao pobo agredido que se resiste á ocupación e á desaparición. E mentres o facían, co armanento e bombas xenerosamente surtidas polas sucesivas administracións norteamericanas, e coa complicidade indisimulada dos gobernos occidentais, bombardeaban a poboación civil para espallar o pánico e forzar o seu deslocamento”.

“Despois destruíron todos os hospitais e clínicas para que Gaza non puidese curar as súas feridas. As cifras e a magnitude das lesións e mutilacións son indescritíbeis. A continuación destruíron universidades e escolas, e centros cívicos e templos para que ninguén puidese refuxiarse ou porse a salvo. Fartáronse de matar xornalistas e quen contase ao mundo a realidade deste pesadelo que menteñen oculto á prensa internacional. Atacaron a UNRWA e misións humanitarias até eliminar incómodas testemuñas estranxeiras”, rezaba o comunicado.

“Despois arrasaron mercados, padarías, cultivos e infraestruturas civís básicas para disparar a fame e as enfermidades, ao tempo que fechaban as portas do muro que rodea Gaza para impedir a entrada de insumos e calquera tipo de axuda humanitaria. Coa fame e a desesperación usadas como armas de guerra, e coa propia axuda humanitaria podrecendo durante meses no paso de Rafah, usaron as filas que se formaban para conseguir alimento como campo de tiro”.

 

“E, mentres tanto, -continuaba o texto que foi lido entre outras pola secretaria de Organización da CIG, Susana Méndez-, acusaron calquera que os criticase de antisemita e terrorista, atacaron directamente as flotillas e outras accións solidarias e forzaron os seus aliados e apoiantes a criminalizar a solidariedade organizada por todo o mundo, desde os países que prohibiron as kufiyas até os que nos acusaron de terroristas por pararmos etapas de La Vuelta e por nos negarmos a normalizar o branqueamento do sionismo a través do deporte e da cultura”.

“Este é o rostro de Israel. O rostro noxento e deformado do imperialismo que o sostén. Hoxe Gaza é, na súa práctica totalidade, un ermo de ruínas e cráteres deixados polas bombas de Israel. Mais tamén é o fogar dun pobo que se resiste a desaparecer e que loita pola vida e polos seus dereitos. O fogar minguado dun pobo que se nega a ser varrido polo colonialismo e a entregar a súa terra, a súa cultura e a súa historia de digna resistencia”.

No texto incídese en que acabar co xenocidio é o máis urxente. “A entrada da axuda humanitaria e a reconstrución son perentorias. Pero co fin desta fase e dos seus horrores non desaparecerá o pesadelo da ocupación, e non pode cesar a nosa acción de denuncia e repulsa, nen as nosas exixencias á comunidade internacional e aos nosos gobernos. Porque hai que dicilo claramente: o xenocidio en Gaza non é senón unha fase do xenocidio en cámara lenta da ocupación”.

Parar tamén a ocupación total e o desterro 

A convocatoria que se fixo baixo o lema “Galiza Con Palestina. 2 anos de xenocidio, 77 anos de ocupación” fixo fincapé no sufrimento perpetrado ao pobo palestino durante case 8 décadas de ocupación, desterro e expulsión da súa terra por parte do Estado de Israel "até convertela nun arquipélago de enclaves desconexos e inviábeis nos que a vida de cada palestina e de cada palestino carga cos crimes dos colonos, coa miseria, coa segregación e con todas as humillacións imaxinábeis. Neste tempo Israel ten instalado un rexime de apartheid incontornábel, apoiado en decidir quen é terrorista e quen non o é en base á cor da súa pel e á lingua que fala. Nos últimos 77 anos millares de palestinas e palestinos teñen sido detidos, frecuentemente sen acusación formal ningunha, e metidos en cárceres durante décadas. Familias enteiras teñen sido desmembradas. Millóns de persoas teñen sido expulsadas das súas casas para facer sitio a un estado artificial inzado de colonos europeos e norteamericanos, até converter a diáspora palestina nunha das máis grandes do mundo. Hoxe mesmo hai máis de 11000 presos e presas nos cárceres sionistas. E moitos outros teñen sido desaparecidos ou asasinados a sangue frío nas rúas e nas prazas por toda a Palestina ocupada”.

Ao tempo que se advirte que o gran perigo para a causa da Palestina é que a xente se esqueza dela cando o xenocidio remate. “O pobo galego ten estado historicamente do lado certo da historia, que é o lado da Palestina. A mobilización social que correu por todo o país durante 24 meses non se pode deixar enganar nen admitir que a eliminación física da Palestina continúe só porque se faga de maneira máis lenta. Como aconteceu no seu día co apartheid na África do Sur, os pobos do mundo, tamén o noso, deben pór en cuestión a viabilidade dun estado supremacista, racista e terrorista como Israel, que demostrou ser un perigo para toda a humanidade. E deben -debemos- continuar a premer quen nos goberna para boicotar Israel, desinvestir nel, sancionar os seus dirixentes e quen se lucra nel, isolalo e impedir que se normalice a súa presenza en calquera ámbito internacional, nacional ou local”.

Paros laborais o día 15 de outubro como resposta da clase traballadora galega

A CIG, como sindicato de clase que acredita na solidariedade internacionalista, e coa responsabilidade que conleva ser a primeira forza sindical en Galiza, convoca unha xornada de loita baixo o lema “Tamén no traballo pararmos o xenocidio” para o vindeiro 15 de outubro co obxectivo de continuar aglutinando unha resposta social contundente, ao nivel que exixe a gravidade da masacre en Gaza e a destrución do pobo palestino.

A convocatoria da CIG abrangue a todo o persoal de todos os centros de traballo públicos e privados situados en Galiza e consiste nun paro de catro horas por quenda laboral, nas seguintes franxas horarias:

  • Das 22:00 horas do día 14 de outubro ás 02:00 horas do día 15, na quenda de noite.
  • Das 10:00 horas ás 14:00 horas, na quenda de mañá.
  • Das 18:00 horas ás 22:00 horas, na quenda de tarde.

Para visibilizar o rexeitamento da clase traballadora ao xenocidio, a CIG tamén chama a concentrarse ese mesmo día pola mañá e a mobilizarse nas vilas e cidades pola tarde. 

Tamén no ensino paremos o xenocidio!

Emulando o lema escollido pola confederación, a federación de Ensino chama a toda a comunidade educativa, profesorado, alumnado e familias a participar activamente nesta xornada de loita, tal e como fixo na manifestación masiva de onte. O profesorado galego leva amosando nos últimos dous anos o seu compromiso e implicación por visibilizar o horror que se estaba a vivir en Gaza a través de múltiples accións nos centros educativos nas que a concienciación do alumnado e, por extensión, do resto da sociedade forma parte da nosa responsabilidade de educar para a paz.

Así pois, e ante a situación insostíbel desde o punto de vista humanitario que se padece en Gaza, a CIG-Ensino anima ao profesorado a responder contundentemente sumándose aos paros laborais nas quendas de mañá e de tarde e a acudir ás concentracións que se convoquen, ademais de abordar este tema durante os días previos co alumnado mediante as accións que considere oportunas (lecturas de manifestos, concentracións, debate sobre o que está acontecendo estes días...)

Lembra tamén a importancia de visibilizar todas e cada unha das iniciativas que se leven a cabo para conseguir o efecto multiplicador tanto dentro do propio centro con información e cartelaría como mediante o uso de medios dixitais (páxina web dos centros, redes sociais tanto individuais coma dos centros...) A CIG-Ensino facilitou recentemente unha imaxe que se pode empregar para denunciar este xenocidio e a impasibilidade da comunidade internacional. Como docentes que somos non podemos calar ante a política de exterminio de todo un pobo e a impunidade coa que están actuando os seus perpetradores. 

Volver