Máis de 7.000 traballadores e traballadoras do ensino concertado están chamadas á folga o 6 de outubro
A Consellaría de Educación impuxo novamente servizos mínimos abusivos para conculcar un dereito laboral fundamental
As organizacións sindicais CIG, FSIE, UGT, CCOO Ensino, USO e SNEP participamos onte na reunión como comité de folga coa Consellaría de Educación para abordar os servizos mínimos da convocatoria do vindeiro 6 de outubro no ensino concertado de Galicia, e podemos afirmar con contundencia: isto non foi unha negociación. Foi unha imposición da Consellería.
Consideramos estes servizos mínimos abusivos, desproporcionados, discriminatorios e inxustificados. O dereito de folga é un dereito fundamental que a Consellaría vulnera, pois os servizos mínimos deben limitarse estritamente ao necesario para garantir os servizos esenciais. Non poden converterse nun mecanismo para reducir ou dificultar de maneira desproporcionada o seguimento dunha folga. Noutros casos anteriores xestionados pola mesma Consellaría (centros educación especial na discapacidade, folgas xerais no ensino público,...) só se obrigada a abrir e pechar os centros (un membro da dirección e un PAS).
A proposta de servizos mínimos presentada pola Consellería establece:
* A dirección ou un membro do equipo directivo e unha persoa subalterna en cada centro, garantindo en todo caso a apertura e peche de todos os centros, así como a custodia, seguridade e protección das persoas menores.
* O 20 % do persoal docente e o 20 % do persoal complementario.
Desde os sindicatos do sector convocantes manifestamos o noso rexeitamento frontal a estes servizos mínimos e denunciamos a falta dunha verdadeira vontade negociadora por parte da Consellaría que dirixe Román Rodríguez. Non aceptamos esta imposición. Unha vez máis, a Consellaría demostra unha escasa consideración polos dereitos e polas reivindicacións do persoal traballador, así como pola súa capacidade de negociación colectiva no organismo creado da mesa Tripartita.
Vista a irresponsabilidade desta Consellaría chegando a estas situacións, esixímoslle rectificare uns servizos mínimos proporcionados, razoables e coherentes. E para non chegar a esta convocatoria de folga poñer data inminente para unha reunión que permita desbloquear esta situación de conflito, o máis relevante nas últimas décadas neste sector.
O 6 de outubro, máis de 7000 traballadoras e traballadores do ensino concertado queren exercer o seu dereito fundamental á folga para defender unhas condicións salariais e laborais dignas e reclamar o respecto que merecen, tanto á negociación colectiva como a exercer un dereito fundamental: a folga.
Novas relacionadas


