
Lógrase o pago do 100% das baixas após o día 90 para o persoal de MUFACE
Despois dunha xestión da CIG coa Consellaría de Facenda e a Asesoría Xeral da Xunta
Despois de meses de bloqueo por parte da Xunta para poder pagar o complemento até o 100% das retribucións ao persoal de MUFACE que está de baixa máis de 90 días e logo dunha xestión da CIG coa Consellaría de Facenda e a Asesoría Xeral da Xunta, temos información de que está desbloqueado o tema e que existe un informe xurídico que permitirá o cobro desa diferenza.
Solicitamos que se faga efectivo canto antes co persoal que reclamou así como con aquelas persoas que desde o 2013 estiveron de baixa máis de 90 días e así poidan recuperar esa diferenza.
A Consellaría, na mesa sectorial celebrada o martes 13 de novembro, confirma a nosa información e di que só está pendente dun trámite administrativo pero que vai pagar a todo o persoal de MUFACE que estivera de baixa máis de 90 días durante o 2018.
Polo tanto desde a CIG Ensino recomendamos a todo aquel persoal funcionario que estivera de baixa máis de 90 días (de forma continuada) entre o 2013 e o 2018 que reclame estas cantidades. Facemos referencia ao complemento que debe aboar a Consellaría para que a contía das baixas, a partir do cuarto mes, se equipare ao 100% do salario. Sobre este asunto podedes ler máis información na seguinte ligazón
Recordamos que segue pendente de recuperar o 100% da paga durante o 21 primeiros días do período de incapacidade temporal (baixa), que semella que será, en parte, efectivo a 1 de xaneiro de 2019, ver información.