Lección de dignidade e de unidade: o profesorado galego virou San Caetano e mañá trasladará as súas protestas ás Delegacións Territorias
Ademais esta tarde-noite levaranse a cabo peches reivindicativos en varios centros das cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol e en Moaña
En declaracións aos medios a secretaria nacional da CIG-Ensino, indicou que a asistencia á manifestación desta mañá volveu superar todas as previsións malia a choiva. Durante a mesma o profesorado asistente portou cabazas que foron depositadas diante do edificio da Xunta e protagonizou unha sonora protesta rodeando San Caetano para facer oír as súas demandas.
A primeira xornada da folga docente este mes de outubro, a segunda no que vai de curso, decorreu cun importante seguimento de profesorado, á espera de que se contrasten os datos de participación a partir do vindeiro xoves. O persoal docente, que estes días estivo moi activo nos propios centros colgando faixas reivindicativas e nas redes sociais, volveu hoxe responder masivamente á chamada de “virar San Caetano”, unha acción consistente en rodear o edificio administrativo da Xunta e que ante a afluencia de persoas tivo que ver modificado o percorrido previsto. Segundo explicou Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino, a organización maioritaria dentro do sector, “démoslle a volta á Consellaría porque o que se pretende é que esta lle dea a volta ás súas políticas e se poña do lado do profesorado, invista máis no público e non nas empresas privadas, aumente o número de docentes e non a burocracia, reduza o horario e as ratios e non recorte a nosa liberdade de cátedra como pretende”.
Durante a protesta moitas persoas portaron cabazas que se depositaron xusto diante da fachada da Consellaría de Educación. “Trouxémoslle cabazas ao conselleiro -engadiu- porque simboliza o suspenso por parte do profesorado porque non sabe sumar cando di que medio docente máis medio docente son dous docentes, suspende tamén na atención á diversidade ao pretender que unha persoa orientadora atenda a máis de 300 rapaces ou rapazas ou non dota os centros con especialistas de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, cando non sabe colocar no mapa os coles do rural porque os deixa abandonados ou en lingua galega por someter ao ostracismo á nosa lingua”.

Ademais referiuse ás vésperas do Samaín, “unha data que na nosa cultura significa unha unión entre o mundo dos vivos e o dos mortos. Sabemos onde lle gustaría situar ao Partido Popular o ensino público pero tamén sabemos o que queren o profesorado, o alumnado e as familias: un ensino público vivo, de calidade, galego e integrador. Polo tanto seguiremos visibilizando a fartura do profesorado estes dous días e a partir do xoves nos nosos centros de traballo porque a responsabilidade docente é construír unha sociedade integradora e plural”.
Así, tamén criticou o anuncio de Román Rodríguez sobre as 1.500 prazas das oposicións o ano que vén aludindo a que se trata de cubrir a taxa de resposición, é dicir, de substituír as persoas que se xubilan por novo funcionariado de carreira sen que isto signifique ningún incremento sobre o número de profesorado actual. “No proxecto de orzamentos para o vindeiro curso mantense un ano máis o número de profesorado a mesma cifra, 30.424 que nos últimos 5 anos e as partidas para educación soben moi por debaixo da media do que soben outras Consellarías”, concluíu.
Despois desta manifestación, pola tarde están previstos peches nos seguintes centros educativos como unha estratexia máis durante esta folga para visibilizar o conflito laboral e social protagonizado polo persoal docente galego. Estes son os lugares e os horarios onde están previstos:
CEIP Alborada (Rúa San José de Calasanz, n° 5, A Coruña): 18:30 horas
IES Lucus Augusti (Avda. Rodriguez Mourelo, s/n, Lugo) 18:00 horas
CEIP Amadeo Rodríguez Barroso (Rúa Serra San Mamede, 8, 32005 Ourense): 18:00 horas
IES Valle Inclán (Gran Vía de Montero Ríos, s/n, Pontevedra): 17:30 horas
IES de Catabois (Estrada de Catabois, 551, Ferrol): 18:30 horas
CEIP Reibón (Avenida da Xunqueira, 17, Moaña): 17:30 horas (só até a noite)
Mañá, nova xornada de folga, novas protestas
Mañá mércores as protestas deslocalízanse ás catro capitais de provincia para visibilizar o conflito con manifestacións que chegarán até as Delegacións Territoriais da Coruña. No caso desta última cidade e de Pontevedra a saída das manifestacións terán lugar desde o mesmo centro educativo no que se levarán a cabo os peches mentres que na cidade de Ourense, dada a distancia existente, a manifestación sairá da propia Delegación Territorial da Consellaría e fará un percorrido circular. En canto a Lugo, a saída será próxima a varios centros educativos céntricos da cidade. Nas catro cidades a saída será simultánea ás 11:30 horas.
A Coruña: Rúa San José de Calasanz, n° 5 (CEIP Alborada)
Lugo: Praza da Horta do Seminario
Ourense: Dirección Territorial de Educación na Rúa Concello nº 11

Táboa reivindicativa
Sen prexuízo de que se aborden cuestións que non teñen estrito carácter laboral como a situación da lingua galega no ensino, garantías de liberdade e de respecto ao traballo docente ou a renegociación do Decreto que vai regular a Formación Profesional estas son as principais reivindicacións que motivaron esta folga de dous días.
- Baixada de ratios no inicio de todas as etapas educativas a partir do vindeiro curso 26/27.
- Recuperación do horario lectivo recortado en 2011 (21 horas en primaria e infantil) e en 2012 (18 horas no resto de ensinanzas) tamén a partir do vindeiro curso e fin da discriminación horaria nos CIFP e centros de ensinanzas artísticas. Galiza é a única comunidade de todo o Estado que permanece coas 20 horas en secundaria e outras ensinanzas.
- Medidas concretas que garantan unha correcta atención á diversidade (criterios para a dotación de persoal especialista de PT e AL, incremento do número de orientadores/as nos centros, cómputo como dobre ou triplo do alumnado con necesidades en todas as etapas, autorización de desdobres, PDCs e FP básica en todo o territorio...)
- Un plan real de eliminación de burocracia que leve aparellado, entre outras medidas, un incremento da dedicación horaria para equipos directivos, coordinacións e titorías.
- Melloras retributivas: incremento retributivo lineal para todo o profesorado no complemento autonómico que permita recuperar o poder adquisitivo perdido, recuperación do cobro do verán para o persoal substituto que traballe 5 meses e medio e equiparación salarial do PESSFP co resto de profesorado de FP.
- Redución da xornada laboral a partir dos 55 anos e recuperación das licenzas por formación retribuídas.

