Laura Arroxo substitúe a Suso Bermello á fronte da CIG-Ensino no seu IX Congreso
A nova secretaria nacional comprometeuse a seguir actuando de dique de contención das políticas do PP e chamou á unidade do profesorado para recuperar dereitos e mellorar a atención ao alumnado
O IX Congreso da CIG-Ensino, celebrado baixo o lema “A forza do compromiso”, elixiu a Laura Arroxo como secretaria nacional con 160 votos a favor, 0 nulos e 0 en branco. No decurso da xornada as persoas asistentes fixeron unha análise dos resultados da acción sindical desenvolvida no período que agora remata e debateron e acordaron as liñas de traballo que servirán de guía para a organización e a acción sindical do próximo período.
O IX Congreso, celebrado o sábado na EGAP, elixiu tamén á nova Executiva federal que recibiu tamén o apoio unánime de todas e todos os congresistas e que queda conformada por:
- Laura Arroxo
- Xosé Manuel Nogueira
- Marta Ferreiro
- Ana Rodiño
- Diego Boquete
- Henrique García
- Elena Añel
- Xosé Anxo Terán
- Maruxa Martínez
- Montse Pernas
As delegadas e delegados escolleron ademais as persoas que representarán á federación no Consello Confederal da CIG. Unha candidatura que foi apoiada por 160 votos, 0 brancos e 0 nulos e que está composta por:
- Laura Arroxo
- Marta Ferreiro
- Xosé Manuel Nogueira
- Ana Rodiño
- Amanda Rei
Máis apoio, afiliación e independencia económica

O Informe de Xestión da Executiva saínte recibiu 166 votos a favor, 0 en contra e 0 abstencións. O encargado de defendelo foi o aínda secretario nacional, Suso Bermello, que fixo un repaso ao traballo sindical desde o VIII Congreso, un período de intensa actividade marcado polo impacto da pandemia da Covid-19, que obrigou a adiar o congreso anterior. Por iso Bermello incidiu en que, malia abranguer menos de catro anos, foron tempos de intensa actividade en todos os sectores, quer no ensino público non universitario, quer no universitario ou no ensino privado.
E concluíu facendo especial fincapé na cohesión interna que, co traballo conxunto de órganos como o secretariado e o consello federal, foi clave para acadar todos os obxectivo sinalados. Obxectivos que, como lembrou, foron defendidos por el diante do Congreso, pero que reflicten o esforzo colectivo de todos os cadros sindicais.
Ensino en clave de país

O relatorio de Acción sindical foi aprobado por 152 a favor, 0 en contra e 0 abstencións. Nel analízase o contexto reaccionario, o avance das políticas conservadoras e a influencia de grupos transnacionais na educación, que promoven a burocratización e o control do profesorado.
Por iso, defende un sistema educativo público, laico, inclusivo e en galego, que fomente o pensamento crítico e a identidade cultural. E entre as propostas concretas subliña a normalización lingüística e currículos centrados en Galiza; a redución de ratios (ex.: 20 alumnos en Primaria/ESO), a oferta suficiente de prazas públicas (0-3 anos, FP, universidade) e a atención á diversidade e mellora dos recursos humanos/materiais.
Atendendo a isto, a CIG-Ensino márcase como obxectivos loitar pola recuperación de dereitos laborais (horario lectivo, salarios, xubilación anticipada), así como por un marco galego de relación laborais, coas negociacións aquí e non a nivel estatal e combater a precariedade e privatización.
Canto ao ensino privado, a CIG-Ensino centrará o seus esforzos en acadar convenios galegos e melloras laborais nos centros de menores, na educación infantil de 0-3 anos e na atención á diversidade, sectores nos que é maioritario, e na denuncia da privatización e malas condicións de traballo do seu persoal, maioritariamente mulleres.
Conciencia nacional e de clase

O Relatorio de Organización, que foi aprobado por 150 votos a favor, 0 en contra e 0 abstencións reitera o modelo combativo do sindicato, cunha estructura descentralizada e comisións especializadas de Lingua, Negociación Colectiva, Mulleres e Igualdade e Comunicación. A CIG-Ensino asume que a súa forza radica na afiliación activa, na formación ideolóxica e na comunicación estratéxica. Por iso subliña como prioridades medrar en afiliación para seguir garantindo a súa independencia financeira e ter capacidade de acción e de garantir o relevo xeracional. Así mesmo, resalta como obxectivo fundamental unha maior implicación da afiliación na toma de decisións do sindicato e na mobilización do conxunto do profesorado.
Sindicalismo de contrapoder

A votación dos textos e máis das candidaturas tivo lugar pola mañá e xa pola tarde celebrouse o acto de clausura, que foi conducido por Ana Rodiño e contou coas intervencións de todas as delegacións convidadas, tanto nacionais como internacionais, rematando coas do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e da nova secretaria nacional, Laura Arroxo.
Carril felicitou tanto á anterior dirección da CIG-Ensino, polo traballo desenvolvido neste período, como á recén elixida. Reafirmou a identidade da CIG como sindicato nacionalista e de clase, o que considerou que implica “mobilización, pero tamén mellorar a acción sindical para conquistar dereitos fronte á patronal e promover políticas alternativas ante os gobernos”.
O secretario xeral concluíu salientando o compromiso, a entrega e o traballo de Suso Bermello, ao que considerou un modelo a seguir porque “no noso proxecto colectivo, o papel das persoas é fundamental, aínda que o colectivo sempre prevaleza” e ao que desexou “o mellor de agora en diante”, agardando que asuma novas tarefas militantes.
Laura Arroxo: “A CIG-Ensino seguirá sendo dique de contención contra as políticas do PP”
A recén elixida secretaria nacional, Laura Arroxo, iniciou o peche do acto de clausura facendo especial mención das dúas persoas que deixan a executiva da CIG-Ensino, Teresa Carballido e Suso Bermello, de quen destacau o seu compromiso e facilidade para facer equipo, agradecendo o traballo incansable nos últimos 8 anos deste á fronte da secretaría nacional.
Arroxo lembrou que este Congreso coincide coa celebración do 50 aniversario da creación do sindicalismo nacionalista no ensino e que daquelas orixes até a actualidade permanece a esencia e moitas reivindicacións, das que salientou dúas demandas esenciais: “a defensa do ensino público galego e en galego e a mellora das nosas condicións laborais”.
Lembrou tamén que se vén de celebrar o IX Congreso da CIG, no que se reiterou o modelo de sindicalismo de contrapoder, que considerou imprescindible “nun país que sofre as políticas privatizadoras e autoritarias do PP e, nomeadamente, o seu asañamento cos servizos públicos, aplicando recortes brutais e desmantelando todo o que representa o ensino público como garante da igualdade e equidade social”.
Denunciou que co Ministerio de Educación no se conseguiu nin un só avance nos últimos dous anos, mais tamén a falta de interlocución real coa representación sindical, como ocorreu co Anteproxecto de Lei de Ensinanzas Artísticas que foi aprobado sen pasar pola Mesa Sectorial, ao igual que a decisión de crear novos corpos docentes tanto nestas ensinanzas como na FP, fronte á demanda unánime da creación dun corpo único docente.
Denunciou tamén o carácter aínda “máis reaccionario” de Rueda que o de Feijoo e a súa “maquinaria propagandística” que, dixo “emula as vellas estratexias do fraguismo ou do franquismo”.
Acordo da vergoña
Laura Arroxo foi especialmente crítica co “Acordo de renuncias” asinado o 11 de outubro de 2023 entre Alfonso Rueda e os sindicatos CCOO, UGT e ANPE, que cualificou como “foto da infamia” por ter hipotecado as condicións laborais do profesorado e o futuro do ensino público galego. Un pacto, asinado nun acto sen permitir preguntas xornalísticas, que, dixo, “consolida a renuncia a melloras salariais e laborais, rompe a unidade sindical e mantén Galiza como a única comunidade con 20 sesións lectivas semanais en secundaria e outras ensinanzas, impedindo a contratación de máis dun milleiro de docentes, a redución de ratios, a atención á diversidade e a especialización do profesorado”.
Do mesmo xeito criticou que a Xunta negue recursos para atender alumnado con dificultades, reducir a itinerancia de especialistas, baixar as ratios de ata 200 estudantes por docente en Secundaria ou garantir a calidade na FP e nas ensinanzas de réxime especial, afectadas especialmente pola privatización e pola burocratización.
Subliñou que a recuperación dos dereitos laborais está vinculada á baixada de ratios, á dotación de recursos para alumnado vulnerable e á eliminación de trámites innecesarios, prioridades compartidas por toda a comunidade educativa. E salientou a necesidade de valorizar a función docente fronte aos ataques neoliberais, que converten a educación nun negocio, e á hostilidade da Xunta, que fomenta o desprestixio do profesorado mediante o control mediático, a inspección educativa e normativas restritivas, como acaba de acontecer coas instrucións que pretende aprobar para impoñer a "neutralidade ideolóxica" na programación das actividades complementarias.
Fronte a isto situou o modelo polo que aposta a CIG-Ensino. Un modelo que “priorice a liberdade e a igualdade, loitando contra a discriminación de xénero, especialmente en sectores feminizados como a educación infantil, a atención á discapacidade e a protección de menores, onde esixe convenios galegos e xestión pública directa”, dixo. No que respecta ao ensino público non universitario lembrou que a aprobación do Plan de Igualdade e do Protocolo de acoso da Consellaría de Educación dependen do voto da CIG-Ensino e que, ao igual que fixo sempre o sindicato, non se asinará nada que non inclúa melloras reais que acaben coa discriminación laboral das mulleres e que desterren o machismo das aulas e dos centros educativos.
Rexeitamento da mercantilización do ensino
No ámbito universitario, Arroxo alertou sobre a mercantilización do ensino coa creación dunha segunda universidade privada ligada a lobbies coruñeses e a competencia desleal da universidade de Abanca, favorecida pola Xunta. Ademais, denunciou a política lingüicida do PP, que co Decreto de Plurilingüismo de 2010 busca anular a identidade nacional galega. A CIG-Ensino comprométese a redobrar esforzos para concienciar o profesorado sobre o papel clave do galego na educación, como vía para a soberanía e a recuperación da situación crítica na que está a nosa lingua.
A secretaria nacional concluíu posicionando á CIG-Ensino como un “dique contra as políticas de recortes”, chamando á unidade do profesorado e da comunidade educativa para defender o ensino público, a igualdade e a lingua galega. “O alento e a forza de quen nos precede e de quen nos segue é o que nos ten que facer mirar adiante. Nunca os tempos foron doados pero temos a forza do compromiso para que os tempos sexan chegados”.