Informe das xuntanzas sectoriais coas patronais
CIG-Ensino, CCOO, UGT, USO, CUT e SNEP informamos ao persoal dos sectores de Escolas Infantís 0-3, Menores e Discapacidade sobre o resultado das recentes reunións mantidas coas respectivas representacións empresariais/asociacións de cada sector.
A continuación resúmese o contido das xuntanzas:
Sector de Escolas Infantís 0-3
- Data da xuntanza: 12 de decembro
- Asistencia empresarial: ASEIGAIS e AFESIN. ACADE xustificou a súa ausencia delegando en AFESIN e AEIOU delegou en AGADEI. Lamentamos e denunciamos o plantón inxustificado desta última, a asociación que aglutina o maior número de escolas, o que constitúe unha total falta de respecto á parte social e ás traballadoras do sector sendo, como son, os maioritarios do sector.
- Desenvolvemento: a xuntanza evidenciou o nulo marco de interlocución real e o descoñecemento da situación por parte das asociacións presentes, que centraron a súa intervención case exclusivamente nos problemas empresariais (amortización de comedor, a pérdida de ganancias en caso de baixada de ratios,...). A reunión resultou inválida para avanzar en melloras laborais, sociais e salariais. As asociacións asistentes coinciden coas necesidades do sector e as nosas reivindicacións, conscientes da precariedade do sector. Non existe unha patronal galega real nin vontade para constituír un marco de negociación autonómico a curto ou medio prazo, con esta disposición e falta de implicación empresarial. As OO. SS. requirímoslles que concreten unha estrutura de representación empresarial (patronal ou patronais) que permita unha interlocución efectiva, e que non condicionen nin dificulten o dereito das traballadoras a mobilizarse. Os sindicatos seguiremos priorizando a defensa das condicións laborais e salariais das traballadoras no ámbito en que sexa efectivo, apuntando cara a Administración pero, tamén, cara a quen se poña de perfil ou poña pedras no camiño.
Sector de Menores:
- Data da xuntanza: 12 de decembro.
- Patronais asistentes: GAFIX e AGACEME.
- Acordo principal: a patronal recoñeceu a unidade sindical e aludiu á posibilidade de asinar un acordo retributivo autonómico recollido no Convenio Estatal para paliar as carencias salariais e evitar a perda de poder adquisitivo a partir do 1 de xaneiro de 2026.
- Aplicación do convenio:
○ AGACEME: Comprométese a aplicar e aboar o Convenio integramente dende esa data.
○ GAFIX: Propón a aplicación dende xaneiro de 2027, pero a posibilidade, con carácter retroactivo, dende xaneiro de 2026.
- Novo decreto da Xunta para ratios: denunciamos que as OO. SS. non fomos convidadas para participar na elaboración do novo decreto da Xunta, que está paralizado e sen data.
- Próximos pasos: a patronal GAFIX elaborará un borrador do acordo. Convocamos unha nova xuntanza para o 19 de xaneiro para valorar, darlle forma e negociar o acordo, trasladándoo á Administración unha vez pechado.
Sector de Discapacidade:
- Data da xuntanza: 9 de decembro.
- Patronais asistentes: INRED. AEDIGAL rexeitou a invitación por considerar que o ámbito non era o autonómico, que era estatal e eles non o vían apropiado. Explicóuselles cal era o motivo da reunión, sendo autonómico, e nin respostaron.
- Puntos de encontro: INRED coincide coas nosas reivindicacións e apoia un complemento autonómico que dignifique as condicións salariais. Anuncian unha campaña de concienciación da situación do sector para o primeiro semestre de 2026. As discrepancias entre as propias patronais e o intento de capitalización do sector por parte de FADEMGA complican o establecemento dun marco de negociación. As OO. SS. seguiremos loitando por abrir unha mesa de diálogo coa Consellería que facilite o entendemento entre as partes.
Posicionamento común das OO.SS.
As organizacións sindicais participantes manifestamos:
- Compromiso coas persoas traballadoras: a nosa única prioridade é a defensa dos dereitos e a consecución de melloras salariais e laborais concretas e efectivas en todos os sectores.
- Unidade de acción: continuaremos traballando de forma conxunta para forzar as melloras necesarias nos ámbitos onde sexa posible e efectivo, denunciando a falta de vontade por parte dalgunhas representacións empresariais e o ninguneo sistématico da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.
Novas relacionadas

