
O Ministerio de Educación négase rotundamente a descentralizar as probas de acceso a prazas docentes no exterior
A CIG-Ensino denuncia unha posición centralista que, co pretexto dos gastos que ocasionaría ao Ministerio, traslada ao profesorado uns gastos innecesarios de desprazamentos e hospedaxe en Madrid
INFORMACIÓN DA REUNIÓN CO MINISTERIO DE EDUCACIÓN PARA TRATAR AS CONVOCATORIAS DE PRAZAS DOCENTES E DE ASESORÍA NO EXTERIOR.
Datas previstas. Non teñen datas fixadas aínda que a intención é que sexan en datas similares á convocatoria pasada: na primeira semana de abril.
Na intervención da representación da CIG-Ensino presentamos unha serie de propostas para mellorar todo o relacionado con estas convocatorias, sempre pensando desde a perspectiva dos intereses do profesorado que participa nas probas. As respostas do Ministerio foron totalmente decepcionantes.
O principal tema no debate estivo precisamente na proposta da CIG-Ensino de descentralizar as probas, evitando que todas as persoas que participan nelas se teñan que desprazar a Madrid, co importante gasto persoal que isto ocasiona.
Estamos ante unha convocatoria do Ministerio de educación aberta a todo o persoal docente do estado, non só a quen vive de Madrid. O Ministerio ten, ou debe ter, capacidade organizativa suficiente como para poder realizar as probas en todas as Comunidades Autónomas e non centralizalas, unha vez máis, en Madrid. O desprazamento das dúas probas pode supoñer un gasto a cada docente galego que se presente superior aos mil euros, entre desprazamentos, hospedaxe e manutención.
A CIG-Ensino considera fóra de lugar a argumentación dos responsábeis do Ministerio que deron como resposta que non teñen capacidade, pois terían que pagar as dietas de 17 tribunais, un en cada Comunidade Autónoma, e iso sería un gasto “terríbel”.
Á pregunta do sindicato de quen paga entón as dietas dos máis de 1500 profesores e profesoras desprazados a Madrid para facer as probas que non queren descentralizar, responden que “veñen voluntariamente”.
A CIG-Ensino apelou tamén aos demais sindicatos, todos estatais, para que manifestaran, se así o consideraban, o seu apoio a nosa proposta e ningunha das organización sindicais presentes manifestou a súa opinión con respecto á descentralización dos exames.
Outras cuestións presentadas pola CIG-Ensino foron:
- Solicitamos que as asesorías se abran a todas as especialidades. O Ministerio non o acepta porque afirma que “habería que ter mais tribunais e é un gasto”.
- Solicitamos que as asesorías se abran ao funcionariado do corpo de mestres. Indican que o estudarán mais que depende das diferentes consellerías no exterior (que é como non dicir nada).
- Pedimos que se nos entregue a relación de postos de traballo no Exterior para poder valorar as vacantes. Pendente
- Solicitamos listado de interinidades por centros e exiximos que se doten as prazas en adscrición e non interinamente. Pendente
- Reclamamos unha solución para a situación de precariedade do profesorado interino. Din que o entenden pero por agora non ten solución pois depende tamén do Ministerio de Facenda.
- Reclamamos que o Ministerio cumpra no Exterior coas súas propias recomendacións sobre horarios lectivos, algo que nestes momentos non está a facer. Non contestan.
- Por que un dos idiomas que se pide para Marrocos é inglés cando non é idioma oficial do país? O Ministerio responde que non se cubrían as prazas e por iso se pide inglés. A argumentación é, para a CIG-Ensino, incomprensíbel. Non se pode poñer como requisito lingüístico un idioma que non é oficial nin de uso obrigatorio nas aulas. Se hai problemas para cubrir as prazas habería que eliminar ese requisito, como se fai en prazas de Infantil.
- O sindicato solicitou a corrección dalgúns erros e deficiencias do Baremo de docentes recibindo como única resposta do Ministerio que “non ían cambiar nada e que esa reunión non era para iso”, un curioso xeito de entender para que serve unha reunión destas características e que supón un novo exemplo de como o Ministerio entende as relacións cos sindicatos.