
Información da Mesa Sectorial
Concurso Xeral de Traslados para o curso 2014-2015
O 29 de outubro de 2014, celebrouse a Mesa Sectorial Docente de Ensino non universitario que tiña como punto único da orde do día a convocatoria do Concurso Xeral de Traslados.
Cómpre indicar antes de nada que a intención primeira manifestada pola Consellaría era a de non convocar Mesa, posibilidade ante a que a CIG-Ensino reclamou por escrito o 29 de setembro a súa celebración, pois o contrario sería furtar mesmo o dereito á negociación e á información do profesorado.
A intervención inicial da Consellaría centrouse en facer un repaso da situación co obxecto de xustificar a súa posición de realizar unha orde de convocatoria en que non se recolle o dereito a concursar en Galiza. A Consellaría lembrou que hai tres sentenzas contraria á convocatoria de 2013 que non son firmes por teren sido impugnadas. A Consellaría manifesta que toma esta decisión a sabendas de que habería vacantes que non estarían supeditadas á execución da sentenza, mais que considera que sería imposíbel determinar a quen se debe considera participantes afectados e que nesta tesitura deciden non convocar concurso.
A CIG-Ensino manifestou o seguinte:
A actuación da Consellaría en relación co Concurso Xeral de Traslados é un cúmulo de despropósitos que parece continuar agora coa proposta de non convocar concurso. A súa actuación errática comporta que calquera solución que se tome pode traer consecuencias irreparábeis.
En todo caso, debería prevalecer o dereito a concursar, pois do contrario estaría provocando un novo prexuízo, agora a todo o profesorado que teña como expectativa concursar. Así mesmo, a exposición de motivos polos que se argumenta a non convocatoria de CXT parece pouco consistente, xa que garantir a execución da sentenza que se produza no seu día, non ten por que impedir o dereito de participación no concurso ao profesorado non afectado por ela e pode dar lugar a que a vía xudicial sexa o camiño que emprenda o profesorado que se vexa prexudicado.
Como non podemos coñecer de antemán o sentido da sentenza pendente, o lóxico e normal é non conculcar o dereito a concursar a aquel profesorado que ten como expectativa conseguir o primeiro ou outro destino definitivo.
En todo caso, de persistir a Consellaría na idea de non convocar CXT, excepcionalmente, debería facilitarlle ao profesorado definitivo a posibilidade de participar na adxudicación de destinos provisionais, pois, do contrario, sería o único colectivo ao que se lle impediría a mobilidade. Igual que se deberá facer constar na orde que esta convocatoria non computará aos efectos de obrigatoriedade de participación do profesorado desprazado, suprimido e solicitante de comisión de servizos, que normalmente veñen estando obrigados a participar no concurso.
Igualmente a CIG-Ensino propón, tamén como medida excepcional, que no vindeiro concurso se permita a participación do profesorado galego destinado fóra do país, que neste ano se ve privado deste dereito.
A Administración mantívose na súa posición: que non convoca concurso para garantir a execución dunha sentenza que prevé que se produza entre febreiro e abril de 2015. En canto á proposta da CIG-Ensino de que o profesorado definitivo poida participar na convocatoria de destinos provisionais, manifestou que estaban dispostos a estudalo, estudo que, en todo caso, se realizará chegado o momento.
A Consellaría foi receptiva á proposta da CIG-Ensino de que, tamén excepcionalmente, se permita participar no próximo concurso ao profesorado galego destinado fóra de Galiza que non vai poder participar neste concurso.
A Consellaría aceptou a proposta da CIG-Ensino de que se inclúa na orde que este concurso non computa para o profesorado desprazado, suprimido e solicitante de comisión de servizos.
Outros temas.
Oferta Pública de Emprego: Ligazón
Proposta da CIG-Ensino sobre a adxudicación de prazas nos Conservatorios: Ligazón
Información de outros asuntos varios tratados na Mesa Sectorial: Ligazón