
Información da 17ª BIS mesa negociadora do XIII Convenio Estatal Educación Infantil 0-3
Principio de preacordo de táboas salariais con cláusula de descolgue salarial ao ditado patronal, nos termos denunciados pola CIG-Ensino, a ratificar o próximo 27 de xaneiro e que pechará o novo convenio, prorrogando o XII con simples adaptacións legais
Na 17ª BIS mesa negociadora do 15 de xaneiro a patronal presentou unha nova proposta salarial (con mínimas variacións positivas e negativas sobre a presentada na mesa do 19 de decembro e con subas dende xaneiro de 2025!!) e “unha cláusula de descolgue salarial” (involutiva e na que periga ate poder cobrar esa mísera suba salarial patronal, nos termos xa denunciados pola CIG-Ensino na 16ª mesa negociadora), a modo de ultimatum nas negociacións, que os catro sindicatos estatais (liderados polo maioritario CCOO) acataron cun “principio de preacordo” a rectificar o 27/01/2025 logo de “consultas que van facer...” e que recolle o seguinte.
CLÁUSULA DE DESCOLGUE SALARIAL PARA A PATRONAL (a introducir no artigo 65).
Recolle ao ditado da patronal que durante os cursos 2026-2027, 2027-2028 e 2028-2029 nos centros de Xestión Indirecta poderase proceder a inaplicar os incrementos salariais previstos no Anexo II) Táboa B) do presente convenio, para cada curso escolar, ao entenderse que especialmente concorre unha causa económica por calquera dos seguintes motivos:
a) Naquelas escolas cuxos contratos non previsen incrementos salariais para os cursos 2026-2027, 2027-2028 e 2028-2029.
b) Naqueles centros cuxos contratos se viron prorrogados obrigatoriamente pola administración sen incorporar incrementos salariais.
c)Naqueles centros de xestión indirecta nos que o prezo/praza, o módulo de escolaridade ou calquera outro sistema de financiamento por parte da administración, non se incrementaron os salarios proporcionalmente conforme ás táboas anuais aprobadas.
O empresario afectado, no prazo máximo de trinta días, a contar desde a publicación no «Boletín Oficial do Estado» do presente XIII Convenio ou desde a data da aplicación das revisións salariais anuais previstas, iniciará un período de consultas, a cuxo efecto comunicará aos representantes dos traballadores/as legalmente previstos, se os hai, a súa intención de acollerse á inaplicación prevista neste artigo e seguirá aplicando as que estiveran en vigor, do ano ou curso anterior. É dicir, nas mans das patronais e administracións queda o cobrar as míseras subas impostas!!
REXEITAMENTO TOTAL DA CIG-ENSINO: alongan a precariedade salarial e laboral ate 2028.
A CIG-Ensino como xa ven denunciando e advertindo rexeita esta proposta ou “principio de preacordo”, porque mantén o “bloqueo e imposición patronal” e porque é inxusto, inxustificable e moi insuficiente. Non da resposta, nin respecta o mandato das traballadoras do sector manifestado nas mobilizacións, sendo traizoadas e vendidas polos sindicatos estatais, unha vez máis, que nas rúas berraban e reivindicaban coa CIG-Ensino “convenio digno e salarios xustos”!!.
Razóns máis concretas para ser rexeitado pola CIG-Ensino, as súas delegadas e afiliadas e a maioría das traballadoras galegas, dun sector altamente feminizado:
1º - Prorrogase o precario e rexeitado XII convenio asinado en 2019, pois só se farán adaptacións legais de melloras acadadas por Lei, sendo obriga recollelas no novo convenio, polo que o resto de reivindicacións laborais e sociais quedan aparcadas e esquecidas: xornada (lectivas e non lectivas), permisos e licenzas, vacacións, conciliación vida laboral e familiar,ITs...
2º - As táboas salariais con subas miserentas manteñen a precariedade salarial no sector, e ate 2028, sendo o único “negociado” en máis de tres anos de bloqueo patronal, pois van supoñer:
- Non cobrar retroactividade salarial: os atrasos de 2021, 2022, 2023 e 2024 perdidos, con IPCs cada un dos anos de 6,5% (cobrouse un 3,1% no 2021), 5,7%,3,1% e 2,8%,respectivamente. Isto supón deixar de cobrar miles de euros nestes anos que estiveron conxelados os salarios (só se subiu o SMI por obriga).Unha educadora deixou de cobrar entre 4.000 e 5.000€ de atrasos!!
- Non recuperar o poder adquisitivo perdido, nin garantir o futuro ate 2028: estamos a falar de perdas de poder adquisitivo dun 15% dende 2021 ate 2024 e de cara ao futuro non hai cláusula de revisión salarial para garantir o IPC anual ate 2028, nin por suposto recuperar o xa perdido.
- Máis discriminación salarial nas mesmas categorías, tanto no mesmo como distinto tipo de xestión do centro: auméntase a diferencia salarial entre as táboas de Xestión Directa (X.D.) e Xestión Indirecta (X.I.), non respectando a máxima de “a igual traballo, igual salario”. Estas diferencias pasarán dos 200€/mes nas mesmas categorías e distinta xestión, o que na Galiza coa gratuidade da Xunta na etapa provocará unha “competencia desleal”entre a X.D. e a X.I., véndose esta última prexudicada en perda de matrícula e peche de unidades. Ademais nas táboas de X.I. entre a A) e as B) haberá dobre discriminación, por mesmo traballo e mesmo tipo de xestión, e que incluso cobrarán menos que as de X.D.mentres non teñen novos pregos de contratación. Estas táboas B) da X.I. poderán nin cobrar as subas miserentas propostas pola “ cláusulade descolgue salarial” abusiva imposta polas patronais(xa explicada arriba).
- Mantense a discriminación salarial na categoría das Educadoras, ao poder volver verse solapadas salarialmente coas categorías inferiores de PSX (persoal de servizos xerais), pois salarios das táboas veranse atrapados ou superados polos novos SMI (no 2025 fálase entre 1180 e 1200€). Non se recolle un diferencial salarial mínimo para as Educadoras sobre o SMI (+100€).
- Nin se garante o SMI para as categorías máis baixas, nos oito primeiros meses de 2025 recolle 1134€ para as categorías de PSX ( cociña, limpeza, servizos,...) e non SMI de 2025, polo que moitas traballadoras verán absorbidos os seus CPP, como xa fixeron moitas empresas non respectando o que regula o convenio e a xustiza lles deu a razón ao dicir o Real Decreto Lei do SMI que sí se pode absorber, sendo esta normativa de rango superior ao convenio de aplicación. Isto pasou nos anos 2022, 2023 e 2024 con moitas traballadoras en bastantes centros e só se recuperarán eses CPP absorbidos se estas táboas saen agora todas cos SB (salarios base) “segundo SMI” ou coas cantidades do SMI de cada ano (Exemplo: as de X.D. de 2024 recólleno).
A saída: o marco galego de negociación
A CIG-Ensino denuncia o mutismo, patronal e sindical, na negociación e fai un chamamento á reacción “pola dignidade” das traballadoras galegas do sector ante esta deriva das OO.SS estatais, apostando polo Marco Galego de Negociación coa CIG e aquelas OO.SS galegas que se queiran sumar e rexeiten este marco estatal de negociación e que só debera ser de mínimos.
O posicionamento da CIG-Ensino foi de rexeitamento TOTAL, unha vez máis, tal e como se recolle nas actas das mesas negociadoras. O rumbo das negociacións, fai que vaia tendo máis sentido a demanda histórica da CIG de contarmos cun marco galego de negociación que poidamos negociar directamente e non depender do ámbito estatal que non dá resposta ás reivindicacións e necesidades das traballadoras galegas.
Nas vosas mans está o forzar, coa representación sindical da CIG no teu centro, e apoiar, coa sinatura, este camiño que comezamos en setembro de 2024 coa “Campaña polas melloras laborais, sociais e salariais: por un convenio galego digno”