
Increméntase a precarización do persoal interino e substituto coa oferta de 273 vacantes a media xornada, a maioría dos Plan MEGA e Proa+
A día de hoxe, 4 de setembro, na páxina da Consellaría hai máis de 1.600 vacantes sen cubrir
Isto demostra a falta de planificación da Consellaría dado que moitas deberan adxudicarse no CADP, e o interese por aforrar en persoal, co mantemento de contratos só até o 30 de xuño no caso das prazas do programa Proa+ e dos nomeamentos MEGA a media xornada.
O curso escolar comezou o día 1 de setembro, con moi pouco tempo para que o profesorado poida facer toda a burocracia (a necesaria, pero tamén a innecesaria) á que se ve obrigado por parte da Consellaría e para preparar o inicio das clases en apenas 5 días hábiles. Desde a CIG-Ensino xa denunciamos na Mesa Sectorial que non era tempo suficiente, pero se alguén é quen de complicar máis o comezo de curso é o goberno do Partido Popular. En primeiro lugar porque durante esta semana debería adxudicar as máis de 1.600 vacantes que a día de hoxe aparecían na web da Consellaría, das cales 463 son interinidades a curso completo, PROA+ e MEGA. É dicir, correspóndese case na súa totalidade con necesidades estruturais dos centros que non foron adxudicadas no Concurso de destinos provisionais para este curso, o que demostra a falta de planificación da Xunta e o seu interese por aforrar en persoal. Isto vese tanto na finalización de moitos destes contratos a 30 de xuño, aforrando o pagamento do verán como que este profesorado non se vai incorporar até o vindeiro luns, día 8, o que implica que non vai poder acudir ao centro durante esta semana e coñecerá o seu horario, grupo e materias/módulos a impartir no momento en que pisen a aula por primeira vez.
Desde o sindicato nacionalista bótanse en falta moitas máis prazas por cubrir, que levan reclamando os centros e que a CIG-Ensino levou ás Xuntas de Persoal nos meses previos ao período vacacional de agosto, e que non foron cubertas no concurso de adxudicación provisional. Esa cobertura está chegando a conta gotas, dependendo das presións das familias a través das ANPAs, de ameazas de dimisións dos equipos directivos, así como da convocatoria de mobilizacións por parte da CIG-Ensino. Non é casualidade que o mesmo día que se anunciaba a manifestación e a folga para este mes a Consellaría apremase os centros a publicar todas as vacantes e comezaran os chamamentos antes que os cursos anteriores adiantando tamén nalgún caso a data dos nomeamentos. Con todo, estas melloras seguen concentrándose nalgúns centros de infantil e primaria e deixan fóra a secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial, seguindo a tendencia marcada no mal chamado Acordo de Melloras.
O incremento das medias xornadas como síntoma da precarización docente

Mais, se é criticábel a tardanza e a improvisación á hora de cubrir as vacantes súmase o afán “mesquino” da Consellaría de Román. Máis da metade das prazas que se están publicando este días son a media xornada, concretamente 273 das 463 que se ofertan entre interinidades, MEGAs e Proa+. Isto incide na precariedade laboral do persoal interino e substituto, con condicións que apenas chegan para cubrir os gastos de vivenda e transporte. Ademais ten consecuencias para o rural galego, xa que ao tratarse de vacantes voluntarias é moi difícil que alguén acepte traballar fóra do seu domicilio habitual pola metade do salario.
Cómpre salientar algúns casos que chaman moito a atención como as 32 e 43 interinidades a media xornada das provincias da Coruña e Lugo respectivamente no corpo de Secundaria. Ademais hai centros, sobre todo desta última provincia que recibirán un número moi relevante de profesorado nestas condicións a partir da semana que vén, como é o caso do IES Sanxillao, con 10 interinidades a media xornada; 5 na IES Virxe dos Ollos Grandes, 6 no IES Muralla Romana, todos eles da capital, ou 8 no IES Lama das Quendas de Chantada, entre outros.
Así mesmo, tamén sorprende que no primeiro día de chamamentos a Consellaría priorizase ademais das persoas que forman parte das listas de mestras de primaria, as que están nas de relixión católica deste corpo, con medio cento de adxudicacións en cada unha, e non realizase chamamentos doutras especialidades.
Desde a CIG-Ensino instamos á Consellaría a modificar os nomeamentos do persoal, que a incorporación sexa inmediata, e que desde xa se comecen a cubrir todas as necesidades solicitadas polos centros educativos. Tamén animamos á comunidade educativa a acudir á manifestación convocada en Compostela para o sábado 13 de setembro e ao profesorado en particular á folga do 25 de setembro para esixir tamén estabilidade e condicións dignas para o persoal interino e substituto, con contratos a curso completo para o primeiro e co pagamento do verán para quen traballe máis de 5 meses e medio, e que os centros poidan planificar con antelación o inicio de curso.