8 de Marzo: Mulleres traballadoras precarizadas polos gobernos

A CIG conmemora o Día Internacional da Muller Traballadora con máis de 20 mobilizacións por todo o país

O próximo 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, a CIG sairá á rúa para sinalar a responsabilidade directa dos gobernos no mantemento das desigualdades e a precariedade que padecemos as mulleres.

“Tras varios anos de reformas supostamente progresistas, que nos venden como ferramentas útiles para acadarmos a igualdade, podemos concluír que a precariedade segue tendo cara de muller”, sinala a secretaria confederal das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro.

Critica que durante a pandemia non se aproveitou para reforzar os servizos públicos de atención ás persoas, nin para valorizar os oficios relacionados co coidado, claramente feminizados. Nunca foi tan evidente, apunta,” o enorme valor que este tipo de traballos teñen e a necesidade de que deixen de ser un negocio en mans de empresas privadas que fan cartos grazas á explotación laboral de moitas mulleres”.

Máis de 20 mobilizacións

A este respecto, Castro salienta que durante os últimos anos de paros parciais e folgas laborais de mulleres, de folgas de mulleres estudantes, de consumo e de coidados, “non todas as mulleres puideron exercer o seu dereito á folga e parar, mais o que si conseguimos foi pór no centro do debate social os problemas que temos as galegas e cales son as propostas do feminismo de clase para os solucionar”.

Este ano, atendendo ao debatido e acordado no IX Encontro Nacional de Mulleres, a CIG conmemora o 8 de Marzo interpelando directamente os gobernos, institucións e empresas, coa convocatoria de máis de 20 manifestacións e concentracións por todo o país. “Mobilizámonos contra quen ten a responsabilidade de garantir os nosos dereitos e para esixir que esta situación de desigualdade remate xa”, asevera a secretaria confederal.

Peores condicións

Fronte á propaganda dos gobernos, Castro lembra que as mulleres continuamos a ter condicións de traballo máis precarias, soportando taxas de temporalidade máis elevadas (do 26,8% fronte ao 22,2% dos homes), máis contratos a tempo parcial (23,4% fronte o 6%) e maior desemprego.

O ano pasado houbo 75.400 mulleres desempregadas, sen contar as miles que tiveron que abandonar o mercado de traballo para dedicarse ao traballo no fogar. Neste punto, Castro denuncia que os dereitos de conciliación continúan a ser “case inexistentes” e na maioría dos casos sen máis opción que reducir a xornada e, polo tanto, o salario. 

Terán que pasar 300 anos para que as mulleres consigamos os mesmos salarios que os homes

Pero as mulleres tamén seguimos a cobrar menos que os homes. A fenda salarial é do 19% e acada o 31.4% na rama de actividade que engloba servizos persoais e de lecer, cunha taxa de feminización de case o 60%. “Terán que pasar 300 anos para conseguirmos os mesmos salarios que os homes”, advirte. A isto engádese que os traballos feminizados son un nicho de mercado precario e desvalorizado, e no caso das traballadoras do fogar mesmo desposuídas de protección social.

Todo isto ten consecuencia directa á hora de acceder a unha pensión digna: a contía media que perciben as galegas é de 678€ fronte aos 1043€ de media dun galego, situándose a fenda das pensións no 35%. Unha desigualdade que se incrementará coa ampliación dos anos de vida laboral para calcular as contías.

Por iso, a responsábel das Mulleres da CIG fai un chamado tamén a levar a conflitividade á negociación dos plans de igualdade, do mesmo xeito que se leva ao convenio colectivo, xa que estes teñen que ser unha oportunidade real para mellorar as condicións e corrixir as discriminacións entre homes e mulleres, nomeadamente no ámbito retributivo.

Neste contexto, a nova reforma laboral consolida a precariedade mantendo o despedimento case de balde, a desregularización da xornada e as dificultades para escoller o horario das reducións, incorporando novos contratos de formación e temporais que impiden a estabilidade e un novo contrato fixo-descontinuo en sectores moi feminizados.

Ligazón para descargar o cartaz

Ligazón para descargar o cartaz das mobilizacións

Volver