7 meses perdidos na negociación do Plan de Igualdade da Consellería de Educación

Logo de anunciar na reunión de constitución da comisión de negociación mantida en xuño que os datos estatísticos para a diagnose do plan serían os relativos ao curso escolar 23-24, agora confirman que serán os do ano natural 2024.

Esta mañá tivo lugar a primeira reunión da comisión de negociación do Plan de Igualdade, constituída no mes de xuño. Durante a mesma, confirmouse por parte da administración que os datos económicos para a análise corresponderían aos do ano natural 2024 e que por coherencia todos os demais datos estatísticos estarían extraídos a data 31 de decembro de 2024. Esta información contradí ao que hai meses se nos trasladou, a intención de tomar como referencia o curso escolar 23-24, próximo a rematar naquel momento.

Este cambio vén a demostrar varias cousas:

  • A Consellería de Educación non fixera unha valoración axustada á realidade en canto a súa capacidade para facilitar os datos ata agora, finais de novembro.
  • Enviáronsenos unha serie de datos estes últimos meses, moi parciais e incompletos como xa denunciamos, máis que só servían para simular que estaban a facer algo, xa que non van ser utilizados para o plan.
  • Trasladóusenos unha información falsa cando na mesa sectorial do pasado 12 de novembro se comprometeron a incrementar o ritmo e falaron de ter dúas reunións no que quedaba de ano. Na primeira, a de hoxe, debateuse cales eran os datos precisos para facer unha correcta diagnose da situación e sabemos que non imos ter outra ata telos, como moi pronto a finais do mes de xaneiro.

En definitiva, terá transcorrido máis da metade do tempo destinado por lei para negocialo e aprobalo sen iniciar sequera o primeiro paso, os traballos de análise dos datos.

Volver